Deputación de Lugo

O CENTRAD inicia mañá os obradoiros infantís de Nadal, que introducirán a 60 rapaces no mundo da artesanía

Imaxe deputación de lugo
As actividades, que obtiveron un rotundo éxito ó cubrirse tódalas prazas o primeiro día da inscrición, continuarán ata o 5 de xaneiro nas instalacións do centroRapaces de entre 5 e 12 anos de idade elaborarán pezas a pequena escala de traxes rexionais, instrumentos musicais, papel, madeira e tapizado

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación de Lugo iniciará mañá o programa de obradoiros infantís de Nadal que, ademais de axudar a conciliar a vida laboral e familiar, introducirá ós máis pequenos nunha actividade con tanta tradición e peso na provincia como é a artesanía. As actividades obtiveron un rotundo éxito ó cubrirse as 60 prazas dispoñibles nunhas poucas horas, o mesmo día no que se abriu a inscrición. Totalmente gratuítos, os talleres están dirixidos a rapaces de entre 5 e 12 anos de idade, e desenvolveranse ata o 5 de xaneiro nas instalacións do CENTRAD, en horario de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 12:30 horas, durante o que terán actividades de lecer, dirixidas por persoal cualificado, e se lles ofrecerá un pequeno almorzo para repoñer forzas e continuar co traballo nos obradoiros.

Haberá dous cursos de cinco días cada un, de xeito que o primeiro se celebrará entre mañá venres e o 30 de decembro e o segundo, do 30 de decembro ó 5 de xaneiro, a excepción dos días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro, nos que non haberá actividades por ser xornadas festivas. Cada unha desas cinco xornadas estará dedicada a cada un dos obradoiros cos que conta o CENTRAD (traxe tradicional, instrumentos musicais, libro, moble artesán e tapizado), e nelas os nenos elaborarán obxectos tradicionais “a pequena escala”: no obradoiro do traxe rexional fabricarán xoaniñas ás que vestirán con indumentaria tradicional; no de instrumentos musicais poderán elaborar un asubío; no obradoiro do libro traballarán na fabricación do seu propio papel; e nos de moble artesán e de tapizado construirán pequenas caixiñas de madeira que tapizarán con telas de cores.