Deputación de Lugo

30 rapaces inauguran os obradoiros infantís organizados polo Centro de Artesanía da Deputación para este Nadal

Forman a primeira quenda de participantes na iniciativa do CENTRAD e continuarán coas actividades ata o 29 de decembro. O segundo grupo, doutros 30 nenos, fará os talleres do 30 de decembro ó 5 de xaneiro Nove artesáns impartirán os obradoiros, totalmente gratuítos e dirixidos a rapaces de 5 a 12 anos de idade

O programa de obradoiros infantís que o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación organizou por primeira vez este Nadal para os máis pequenos arrancou este venres co primeiro curso, no que participan 30 rapaces. Esta primeira quenda continuará coas actividades hasta o 30 de decembro e a segunda, doutros 30 participantes, desenvolverase entre o 29 de decembro e o 5 de xaneiro, a excepción dos días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro por ser xornadas festivas. O horario será de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 12:30 horas, durante o que terán actividades de lecer, dirixidas por persoal cualificado, e se lles ofrecerá un pequeno almorzo para repoñer forzas e continuar co traballo nos obradoiros.

Os talleres, totalmente gratuítos e dirixidos a rapaces de entre 5 e 12 anos de idade, serán impartidos por nove artesáns. A xornada de hoxe estivo dedicada ó obradoiro de traxe rexional. Os 30 rapaces participantes elaboraron adornos de Nadal con materiais coma telas, ceras de cores, plastilina, gomas e pinturas de tela. Ademais, puideron coñecer algún dos segredos do traxe tradicional galego, grazas ás xoaniñas de cartón que recortaron e colorearon, e ás que vestiron cos traxes que eles mesmos confeccionaron con feltro. A media mañá descansaron do seu traballo grazas ó almorzo e ás actividades dirixidas por profesionais e que axudan a que os nenos se coñezan mellor entre eles. As actividades continuarán entre o luns e o xoves da próxima semana coas xornadas dedicadas ó obradoiro de instrumentos musicais, no que os nenos poderán elaborar un asubío; co obradoiro do libro, no que traballarán na fabricación do seu propio papel; e cos de moble artesán e de tapizado, nos que construirán pequenas caixiñas de madeira que tapizarán con telas de cores. A mesma estrutura terá o segundo ciclo de talleres, que arrancará o 30 de decembro.