Deputación de Lugo

A Deputación insta á Xunta a corrixir a Rede Natura para evitar o bloqueo económico e o despoboamento da Montaña luguesa

Gómez Besteiro presentou na Fonsagrada a proposta que o Goberno provincial levará ó Pleno ó tratarse do Concello lugués que sufrirá as peores consecuencias da reforma do Plan Director da Rede Natura 2000 que aprobou o Executivo autonómicoEste proxecto inclúe o 39,7% da superficie fonsagradina na Rede Natura, prohibindo a construción de instalacións agrícolas ou gandeiras neste municipio eminentemente ruralPresidente e Alcalde supervisaron as obras da nova casa consistorial, lista para xuño, e o remate da reforma do polideportivo, nas que a Deputación inviste 1 millóns de euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, avanzou este luns que o Goberno provincial levará ó vindeiro Pleno unha proposta na que insta á Xunta a corrixir a Rede Natura 2000 na Montaña co fin de evitar o bloqueo e o retroceso económico, así como a grave perda de poboación que xa sofre esta comarca luguesa. Gómez Besteiro salientou que “a Fonsagrada é o municipio lugués que padecerá as peores consecuencias do Plan Director da Rede Natura 2000 aprobado polo Goberno galego xa que a totalidade do seu territorio pasará a estar tipificado como de protección ou conservación, non habendo ningunha zona de uso xeral. Isto suporá, a obriga de cumprir medidas moi restritivas que coartarán gravemente o seu desenvolvemento endóxeno”. “Temos que apoiar o medio ambiente, pero tamén ós veciños que viven nel, hai que impulsar as figuras de protección, pero sendo hábiles para que, por exemplo, unha explotación gandeira poida seguir coa súa actividade”, engadiu o Presidente.

Pola súa banda, o Alcalde fonsagradino, indicou que a modificación que fai a Xunta “leva consigo que un espazo moi importante da Fonsagrada pasa a ser considerado Rede Natura. Trátase dunha zona que non discrimina espazos agropecuarios nin núcleo de poboación onde non ser podería facer ningún tipo de actuación polo que a xente terá grandes dificultades para continuar coa actividade agrogandeira e incluso os fillos que queiran asentarse na zona terán unha capacidade de desenvolvemento nula. Ou se dota economicamente ós veciños afectados ou os responsables deberán estudar outras solucións para non hipotecar o noso Concello”.

Coa entrada en vigor deste proxecto prevista para xuño, a superficie incluída na Rede Natural do municipio fonsagradino pasará das 3.528 hectáreas actuais –o 8% da territorio total deste Concello- ás 17.397 hectáreas –o 39,7% da extensión desta localidade-. A nova normativa implica que en todos os Concellos que obteñan unha superficie na Rede Natura inferior ó 40% queden prohibidas as construcións e instalacións agrícolas; infraestruturas destinadas ó apoio da gandería extensiva e intensiva; granxas; establecementos que aloxen, manteñan ou críen animais; instalacións apícolas; construcións dirixidas á xestión e explotación forestal; ou instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e ó subministro de carburantes. Na actualidade, A Fonsagrada xa se ve na obriga de cumprir estritas esixencias por formar parte da Reserva da Biosfera Eo-Oscos-Terras de Burón, que xestiona a Xunta.

Consecuencias

O titular provincial subliñou que “a decisión do Executivo autonómico suporá un lastre para o desenvolvemento socioeconómico da provincia e deste Concello en particular, ó tratarse dun municipio eminentemente gandeiro e rural”. Besteiro explicou que “hai que ter en conta que das 50.000 cabezas de rubia galega que existen en España, o 75% están en explotacións lucenses, moitas delas situadas na Comarca fonsagradina. Ó mesmo ocorre coas 3.460 explotacións de gando porcino de Lugo que tamén boa parte delas se concentran na Fonsagrada, municipio cun importante volume de produción de Porco Celta, ó contar coas dúas empresas dedicadas á elaboración, transformación e comercialización de produtos desta raza autóctona. Ademais, os autónomos e os gandeiros que desexen realizar melloras deberán cumprir unhas medidas moi estritas que implican o incremento de custes, por exemplo mercar un material específico ou determinar unhas características axustadas ó medio”.

Como segunda consecuencia da aplicación do Plan Director da Rede Natura, o Presidente remarcou que “como as perspectivas de futuro diminuirán, o forte despoboamento que xa sofre a Montaña luguesa na actualidade aumentará notablemente”. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), A Fonsagrada xa conta con 100 habitantes menos co ano pasado, con 4.309 veciños, dos que o 40% superan os 65 anos. As mesmas fontes constatan que, de seguir esta tendencia á baixa, nesta década perderá o 15% da poboación e cuadriplicará ó numero de maiores”.

Medidas

Por todo elo, o Goberno provincial insta á Xunta, a administración con competencias directas na materia, as seguintes medidas:

Que incremente ata o 40% a superficie da Rede Natura nos Concellos próximos a esta porcentaxe, como é o da Fonsagrada cun 39,7% ou o das Nogais cun 39,3%, para que non se estanquen nin sufran retroceso.

Que consensúe dita proposta cos Concellos afectados.

Que se especifiquen que medidas de apoio económico ten previstas a Xunta para estas zonas afectadas, posto que 7 anos despois da súa aprobación aínda non se coñecen.

Que se elaboren con criterios técnicos os mapas de unidades ambientais, de valoración e zonificación para adecualos en maior medida á realidade dos Concellos e se realice unha profunda análise de campo previa co obxectivo de buscar un maior desenvolvemento e mellora da situación que teñen.

Novo consistorio

Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, supervisou as obras de construción da nova casa consistorial deste Concello que está a executar a Deputación, achegando para elo 850.000 euros do Plan Extraordinario de Obra Pública. O novo consistorio, que estará rematado en xuño, era unha actuación moi demandada polos veciños xa que o actual inmoble é un dos máis antigos e máis pequenos da provincia, ó contar con máis de 150 anos de historia, así como o que se atopa nas peores condicións de Lugo.

O inmoble ocupa 785 metros cadrados nunha parcela que conta cun total de 10.070 metros. Dispón de varia plantas útiles: unha baixa de 279 metros cadrados, a primeira de 202, a segunda de 95 e un baixo cuberta de 69 metros cadrados. Sitúase na Praza do Museo polo que, a parte de mellorar o servizo que presta na actualidade ós veciños, tamén contribuirá a poñer en valor unha das zonas máis importantes do núcleo urbano, amosando unha nova imaxe deste municipio. Esta actuación completará con outras que xa existen na actualidade como é o centro museístico ou o parque A Portela, así como pola residencia da terceira idade que construirá a Deputación no actual edificio da Fundación Rois de la Pena, situado nas inmediacións de dita praza. Para esta última actuación, asumida pola institución luguesa logo da negativa da Xunta malia o compromiso do Presidente de dita administración, Alberto Núñez Feijóo, ós fonsagradinos pouco antes das eleccións autonómicas de 2009, o organismo provincial achega 2,1 millóns de euros.

Pulo ó fútbol sala

O titular provincial e o Rexedor tamén comprobaron o estado do pavillón deportivo municipal logo da reforma que levou a cabo a Deputación. Gómez Besteiro salientou que “estas actuacións supuxeron un importante pulo a un dos deportes estrela da Fonsagrada como é o fútbol sala, ó mellorar estas instalacións e adaptalas á normativa da Real Federación Española de Fútbol. Isto permitirá que, a partir de agora, se poderán celebrar competicións de ámbito autonómico e nacional nesta infraestrutura con capacidade para 1.500 persoas”.

O proxecto, xa rematado, supuxo unha inversión de 150.000 euros, tamén do Plan Extraordinario de Obra Pública. Consistiu, por unha banda, na renovación da cuberta, a mellora dos vestiarios e os servizos de fontanería, e na colocación de asentos de PVC nas gradas para maior comodidade dos afeccionados. Por outra lado, ó respecto das condicións esixidas pola Federación, ampliouse a pista de xogo e cambiouse a localización dos banquiños. O fútbol sala conta cunha importante canteira no Concello fonsagradino. Na Liga Local compiten 10 equipos e o instituto municipal ten outros 3 conxuntos, e move un gran número de afeccionados. O obxectivo do Concello e promover que o fútbol sala local dea o salto ó ámbito galego na tempada de 2012/13 ou na de 2013/14 coa inscrición dalgún equipo na Liga Autonómica.

O Alcalde fonsagradino indicou, con respecto á casa consistorial, que a obra “está moi avanzada, vamos a ter Concello e moi pouco tempo e así poder dar ós cidadáns un servizo moito máis áxil”. En canto á mellora do polideportivo, destacou que se trata dunha actuación “moi importante, sobre todo tendo en conta a climatoloxía da Montaña, xa que tiñamos un pavillón en malas condicións. Agora incluso está federado, así que este mesmo mesmo mércores inaugurámolo co partido entre o Azkar Lugo e unha selección de xogadores da Fonsagrada”.

A TIC coas corais da provincia

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC tamén presentou o CD da “Coral Polifónica Souto do Ruiseñor” editado pola TIC e gravado nos estudios que a empresa Miñomedia ten no Corgo. O disco recolle dez cancións interpretadas pola agrupación musical da Montaña e forma parte da colección “Sons lugueses”. Gómez Besteiro fixo entrega de 1.000 copias do CD co que o organismo dependente da institución provincial contribúe á difusión dos grupos musicais da provincia. Ademais, cada un dos compoñentes da coral recibíu un DVD cunha das súas actuacións que foi gravado por alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son dentro do programa de formación práctica que inclúe o único centro de estudos de produción e realización en Lugo co fin de facilitar a inserción laboral dos alumnos.