Deputación de Lugo

Besteiro inaugura a decoración do Nadal na Praza de San Marcos marcada polo seu carácter artesán, ecolóxico e interactivo

O CENTRAD elaborou con fondos propios unha decoración baseada na natureza con motivo do vindeiro 10º aniversario da declaración pola UNESCO de Terras do Miño como Reserva da Biosfera e logo da celebración do Ano Internacional dos BosquesA ornamentación inclúe unha árbore de 6 metros de altura, elaborada con vimbio procedente da plantación que o Centro de Artesanía e Deseño posúe no Río Rato

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este venres a decoración do Nadal na Praza de San Marcos que elaborou, con fondos propios, o Centro de Artesanía e Deseño. Trátase dunha ornamentación marcada polo seu carácter artesán e ecolóxico, así como pola interacción que ofrece a lucenses e visitantes.

A xeito de benvida do ano no que se celebra o décimo aniversario da declaración por parte da UNESCO de Terras do Miño como Reserva da Biosfera, e de despedida do Ano Internacional dos Bosques, a Deputación quere render unha homenaxe ós espazos naturais da provincia coa presenza dunha árbore simbólica de 6 metros de altura, feita integramente en cestaría e da que penduran lazos brancos que simbolizan os bos desexos para o futuro.

Esta árbore foi elaborada grazas ó traballo en común e desinteresado de destacados artesáns e o persoal da Área de Deseño e Artesanía. Deste xeito, Chicha Lombao, Beatriz Valín, Jesús Prado Penas, Manuel Lombao, Carmen Fieiras, Concepción Rodríguez, Mª Carmen Otero, Dolores Tourón, Ángeles Astorgano, Idoia Cuesta e Julia María Pita contaron coa colaboración das persoas que a diario desenvolven o seu traballo nos cinco obradoiros do CENTRAD: Instrumentos Musicais, Moble, Tapizaría, Traxe Rexional e Libro e que deste xeito están presentes na decoración. Todos botaron unha man para a confección dos elementos decorativos nas instalacións que foron cedidas por Ángel López, da empresa Allplas, de xeito totalmente gratuíto.

Participación dos cidadáns

Todos os que durante estas datas se acheguen ata a praza de San Marcos, poderán deixar a súa pegada nesta árbore, escribindo os seus propios desexos en lazos e atándoos nas súas polas. Este non será o único xeito de interaccionar coa decoración: nun dos aneis concéntricos que se atopan dentro da árbore penduran doce campás tubulares afinadas que, a xeito de instrumento musical, calquera poderá facer sonar. Noutro dos aneis interiores penduran unhas verbas de Manuel María traducidas a doce idiomas, que representan ás doce tribus de Israel, e que lembran que o Nadal está “no segredo lugar onde se gardan os soños e o amor”.

Ó mesmo tempo que esta decoración destaca a importancia que a natureza da provincia ten para a cultura e para a economía, tamén se involucra na súa conservación: o vimbio empregado nesta labor de cestaría procede da plantación que o propio Centro cultiva nas ribeiras do Rato e todo este material poderá ser empregado de novo para futuros traballos no Centro.

Un acto emotivo coa presenza de nenos

O acto de inauguración contou coa presenza de nenos da provincia que participaron activamente no desenvolvemento do mesmo, contribuíndo a darlle emotividade. Un dos rapaces presentes deu lectura a un desexo no nome de todos os nenos da provincia que posteriormente quedou prendido na árbore, xunto cos desexos que tamén prenderon Gómez Besteiro e Regina Polín. Máis tarde, estes mesmos nenos foron os encargados de tocar o instrumento musical, elaborado polo CENTRAD, que durante as datas de Nadal será o que quede a disposición de quen desexe tomar parte activa no Nadal da institución provincial. Ademais, os lucenses que se achegaron ata a praza puideron gozar das dúas panxoliñas interpretadas pola cantante lucense e alumna do centro musical Rossini Azucena Fouz.