Deputación de Lugo

A Deputación prevé rematar esta semana a primeira fase das actuacións para incrementar a seguridade no Río Rato

Os operarios traballan dende o pasado mércores na reposición e reforzo das biondas e na intensificación da sinalización vertical, e nos próximos días instalarán as bandas rugosas Unha vez terminadas estas tarefas e en canto o permitan as condicións meteorolóxicas, a institución provincial reforzará a sinalización horizontal, instalará sinais reflectantes co fin de mellorar a visibilidade da vía e aplicará un aglomerado para aumentar a adherencia

A Deputación de Lugo prevé rematar esta semana a primeira fase das actuacións que acomete no Paseo do Río Rato para aumentar a seguridade da vía. Os operarios traballan dende o pasado mércores na reposición e reforzo das biondas e na intensificación da sinalización vertical, tanto de velocidade como de advertencia de perigo e as indicadoras de que se trata dun ‘parque periurbano’. Nos próximos días, en canto a empresa subministradora as entregue, instalarán bandas redutoras de velocidade ou bandas rugosas en 9 puntos da estrada.

Deste xeito, quedaría completado o primeiro paquete de medidas e, seguidamente, cando a meteoroloxía o permita, a institución provincial intensificará a sinalización horizontal, tanto das marcas viais do eixo como das de separación das beiravías; pintará novas sinais no chan coa limitación da velocidade; e colocará captafaros reflectantes ou ‘ollos de gato’ nos laterais da estrada para mellorar a visibilidade pola noite. Por último, aplicarase un aglomerado especificamente destinado a aumentar a adherencia da estrada. O obxectivo da Deputación é rematar tódolos traballos previstos neste mes de decembro, sempre e cando as condicións do tempo o fagan posible.

Por outra banda, o organismo provincial e o Concello de Lugo teñen solicitado á Xefatura Provincial de Tráfico un radar móbil, que se poñerá en marcha nos vindeiros días co obxectivo de controlar o cumprimento dos límites de velocidade establecidos no Paseo. A Deputación anunciará a data concreta na que se activará o radar para que os cidadáns estean debidamente informados. Trátase dun vehículo con radar móbil que Tráfico adoita utilizar para campañas de control de velocidade puntuais nos concellos da provincia en colaboración coas correspondentes policías locais. Deste xeito, no Rato serán os axentes da Policía Local de Lugo os que se encarguen da xestión do dispositivo, que non ten ningún custe para a Deputación nin para o Concello.

A Deputación está disposta a poñer todo da súa parte para incrementar a seguridade na vía do Rato, pero recalca que a única solución é que a Xunta de Galicia cumpra o seu compromiso e abra a Rolda Leste, pois é a única forma de que os lucenses non teñan que utilizar o Paseo como unha circunvalación para ir e volver ó novo hospital. Trala apertura do HULA disparouse de feito o tráfico, pasando dunha media de 650 vehículos diarios a 4.500, unha densidade semellante á rexistrada nalgunhas estradas nacionais da provincia.

O pleno da Deputación aprobou na súa última sesión instar á Xunta a dotar urxentemente do orzamento suficiente á Rolda Leste e a definir os prazos para a súa posta en marcha, tal e como se comprometera a facer. O Goberno provincial decidiu levar esta proposta ó pleno logo de constatar que a Xunta só achega a esta infraestrutura 20.000 euros no Orzamento de 2012, o que fai imposible a súa apertura.