Deputación de Lugo

A Deputación contratará este mes as obras do 1º centro público de despece de caza en Galicia que sitúa na Fonsagrada

19 empresas optan á construción dun edificio de 506 metros2, que se abastecerá de enerxía fotovoltaica e para o que o organismo provincial achega 300.000 eurosA institución abrirá un novo concurso para dotar á sala do equipamento especializado necesario que permita o consumo directo e a comercialización das pezas de cazaA produción cinexética xera 5.000 millóns de euros e 10.000 empregos en España. En Lugo, malia a calidade das pezas, esta actividade é, polo de agora, practicamente inexistenteAdemais dos 5.000 cazadores lucenses federados, aficionados de Europa acuden ó TECOR fonsagradino, un dos máis extensos no país con xabarís de 140 quilos e corzos de 35

A Deputación contratará este mes as obras do 1º centro público de despece de produtos cinexéticos en Galicia que sitúa na Fonsagrada ó contar co TECOR máis extenso na Comunidade, así como un dos de maior superficie en España, con 43.000 hectáreas. E é que, na actualidade, só existe unha sala semellante, pero privada, no coto de Xares, en Ourense. Un total de 19 empresas optan á contratación destas actuacións dotadas de 300.000 euros, financiados na súa totalidade pola institución luguesa dentro da aposta por potenciar a economía e o emprego na provincia mediante a caza. A entidade que resulte adxudicataria realizará, en primeiro lugar, as tarefas de acondicionamento da parcela para, a continuación, construír a estrutura. A Deputación abrirá un novo concurso público para adquirir o equipamento especializado do que estará dotado o centro de despece, permitindo a preparación das pezas de caza para o seu consumo directo e comercialización.

A 1º sala pública de despece en Galicia situarase nun terreo de 800 metros cadrados da rúa Rodas, á entrada da localidade fonsagradina, cedido pola Sociedade de Cazadores deste municipio, composta por 500 socios. O inmoble contará con 506 metros cadrados e 2 prantas. Na baixa, de 253 metros cadrados, situarase a propia sala de despece, así como as de refrixeración, os laboratorios, almacéns, lavado ou montacargas. Mentres, na primeira, doutros 253 metros cadrados, estarán os departamentos de conxelado, envasado e equipos fríos. O edificio terá todo o equipamento necesario para obter produtos en óptimas condicións hixiénico-sanitarias. Contará ademais, con profesionais como, por exemplo, veterinarios que avaliarán o estado dos produtos. Para asegurar o seu mantemento no futuro e aforrar enerxía, a Deputación instalará paneis solares na cuberta que aproveiten a enerxía fotovoltaica e abastezan á totalidade da edificación.

Oportunidades de negocio sen explotar

Segundo a Federación Española de Caza, Lugo ten 160 TECOR, aglutinando máis do 30% dos galegos. Os lugueses son os de maior extensión na Comunidade e, o da Fonsagrada, un dos máis grandes de España con 43.000 hectáreas. A calidade das súas especies permite que, ademais dos 5.000 cazadores lugueses federados, reciba afeccionados de toda España e Europa. Nos TECOR lugueses pódense atopar xabalís de 140 quilos e corzos cun peso medio de 35. Os expertos manteñen que a calidade destas pezas débese, fundamentalmente, á riqueza medioambiental dunha provincia onde o 55% do territorio é Reserva da Biosfera. A Federación Española de Caza sostén ademais, que esta actividade xera un volume de negocio anual en España de 5.000 millóns de euros, así como 10.000 postos de traballo, a maioría no rural. Nembargantes, malia ás posibilidades económicas dos produtos cinexéticos lugueses, a súa comercialización é practicamente inexistente.

Vantaxes

O proxecto da Deputación vai máis alá da práctica da caza, creando oportunidades económicas e un novo nicho de emprego aínda sen explotar, a pesar das excepcionais condicións existentes en España. Outra vantaxe é a comercialización dos produtos cinexéticos, é dicir, das pezas de caza tales como corzos e xabarís, potenciando a calidade dos alimentos lugueses. Os usuarios do centro poderán despezar as súas capturas con todas as garantías sanitarias, de tal xeito que estén listas tanto para o seu consumo directo, como para comercializalas no mercado. E é que ademais, o organismo provincial tamén aplicará técnicas de venda para impulsar a denominación de orixe dos produtos.