Deputación de Lugo

A Deputación arranca as actuacións de mantemento no Paseo do Rato para incrementar a seguridade da vía

O Deputado de Xestión Territorial anunciou que os traballos completaranse neste mes de decembro, sempre e cando o permitan as condicións meteorolóxicasAs medidas consisten na colocación de bandas rugosas, o reforzo dos gardarraís, a intensificación da sinalización vertical e horizontal, a posta en marcha dun radar móbil, a mellora da adherencia do firme e a instalación de sinais reflectantes nos extremos da víaMartínez subliñou que a Deputación ten a vontade de “poñer todo da súa parte” para facer máis seguro o Paseo, pero a “única solución é que a Xunta cumpra co seu compromiso e abra a Rolda Leste”

A Deputación de Lugo arrancou este mércores as actuacións de mantemento no Paseo do Río Rato para aumentar a súa seguridade, logo de que o volume de tráfico por esta vía que dá acceso a unha área recreativa se multiplicase por 7 trala apertura do novo hospital. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, anunciou hoxe en rolda de prensa que a institución luguesa acometerá os traballos de maneira progresiva, “a medida que nolo permitan as condicións meteorolóxicas”. Deste xeito, o obxectivo da Deputación é rematar as medidas neste mes de decembro, “pero evidentemente estamos condicionados polo tempo que faga”, asegurou Martínez.

O Deputado informou de que o primeiro paquete de actuacións, que se iniciaron hoxe e que concluirán na próxima semana, son as seguintes:

Colocación de bandas redutoras de velocidade ou bandas rugosas en distintos puntos do percorrido, acompañadas da correspondente sinalización vertical.

Instalación de sinais nos extremos da vía remarcando o seu carácter de ‘parque periurbano’.

Reforzo da sinalización vertical existente, tanto de velocidade como de advertencia de perigo, así como das barreiras de contención ou gardarraís.

Ademais, nos próximos días, como xa anunciou o organismo provincial, activarase un radar móbil na zona co mesmo obxectivo de incrementar a seguridade no Paseo controlando o cumprimento dos límites de velocidade establecidos. Deputación e Concello solicitárono á Xefatura Provincial de Tráfico, organismo que xa conta co dispositivo, polo que nos vindeiros días poderá poñerse en marcha. Manuel Martínez precisou neste senso que a Deputación anunciará a data concreta na que se activará o radar para que os cidadáns estean debidamente informados. Trátase dun vehículo con radar móbil que Tráfico adoita utilizar para campañas de control de velocidade puntuais nos concellos da provincia en colaboración coas correspondentes policías locais. Deste xeito, no Rato serán os axentes da Policía Local de Lugo os que se encarguen da súa xestión.

Por outra banda, unha vez completada esta serie de medidas e en canto a meteoroloxía llo permita, a institución procederá a acometer outras actuacións, consistentes na aplicación dun tipo de aglomerado especificamente destinado a mellorar a adherencia do firme; intensificar a sinalización horizontal, tanto das marcas viais do eixo como das de separación das beiravías; pintar novas sinais no chan coa limitación da velocidade; e colocar captafaros reflectantes ou ‘ollos de gato’ nos laterais da estrada para mellorar a visibilidade pola noite.

Estas medidas, que se acometerán con cargo ó Plan de Conservación ordinario, engádense ós traballos xa realizados pola institución no Paseo do Rato e que consistiron en:

Plan de Sinalización. O primeiro que se levou a cabo na totalidade da rede viaria provincial na historia da Deputación, dotado con 2,2 millóns de euros. Incluíu no Paseo do Rato: sinais horizontais e verticais, barreiras de metal recubertas de madeira para evitar o impacto medioambiental no paseo fluvial, sinais de Stop, curvas perigosas, biondas e protección de motoristas.

Incremento das medidas co Plan de Conservación, baixando a velocidade ó mínimo (30 ou 50 quilómetros por hora segundo os treitos) e situando sinais de perigo indefinido, ceda o paso e curvas perigosas.

“A única solución é a Rolda Leste”

Coas medidas xa tomadas e co plan de actuación que vén de poñer en marcha, a Deputación, subliñou Manuel Martínez, demostra a súa vontade de “poñer todo da súa parte “para incrementar a seguridade no Paseo do Río Rato”, pero recordou que esta non é a solución: “A única saída a este problema é que a Xunta de Galicia cumpra o seu compromiso e abra a Rolda Leste, pois é a única forma de que os lucenses non teñan que utilizar o Paseo do Rato como unha circunvalación para ir e volver ó novo hospital”. Trala apertura do HULA disparouse de feito o tráfico, pasando dunha media de 650 vehículos diarios a 4.500, unha densidade semellante á rexistrada nalgunhas estradas nacionais da provincia.

O pleno da Deputación aprobou na súa última sesión, o 29 de novembro, instar á Xunta a dotar urxentemente do orzamento suficiente á Rolda Leste e a definir os prazos para a súa posta en marcha, tal e como se comprometera a facer. O Goberno provincial decidiu levar esta proposta ó pleno logo de constatar que a Xunta só achega a esta infraestrutura 20.000 euros no Orzamento de 2012, o que fai imposible a súa apertura.