Deputación de Lugo

María Emilia Casas ofrecerá unha conferencia sobre Dereito do Traballo no III Encontro de Cooperación

A ex presidenta do Tribunal Constitucional pechará cunha lección maxistral o congreso organizado pola Deputación o día 13 de decembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, que contará con outros 5 prestixiosos poñentesMáis de 200 persoas, entre traballadores municipais, representantes sindicais, avogados laboralistas, graduados sociais e estudantes de dereito, están inscritos nas xornadas, que abordarán este ano a contratación temporal nas entidades locais

A ex presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, ofrecerá unha lección maxistral no terceiro Encontro de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. A maxistrada será unha dos 6 expertos cos que contará o foro organizado polo organismo provincial o día 13 de decembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. A conferencia da maxistrada monfortina, titulada Presente e Futuro do Dereito do Traballo, terá lugar ás 13:15 horas e pechará unhas xornadas nas que están inscritas máis de 200 persoas, entre traballadores municipais, representantes sindicais, avogados laboristas, graduados sociais e estudantes da materia de Dereito do Traballo II na Escola Universitaria de Relacións Laborais, pois o Encontro forma parte desta materia.

O foro, dedicado nesta terceira edición á contratación temporal, será inaugurado ás 9.30 horas polo Deputado de Cooperación, Juan José Díaz Valiño, e o de Área de Réxime Interior, Miguel Ángel Sotuela. Seguidamente, Fernando Fernández Olmedo, Maxistrado do Xulgado do Social Número 1 de Lugo, ofrecerá un relatorio sobre as Principais irregularidades na contratación laboral temporal na Administración Local da provincia de Lugo. O Encontro continuará cunha mesa redonda en torno ás Consecuencias das irregularidades na contratación laboral temporal nos Entes Locais. O traballador indefinido non fixo na Administración Local, na que tomarán a palabra Fernández Olmedo; Nicolás González Raposo, xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade de Lugo; o avogado Jesús Amarelo Fernández; Manuel García Mel, xefe do Servizo de Recursos Humanos da Deputación; e Valentín Lago González, letrado do Servizo de Cooperación e Asistencia aos Concellos do organismo provincial. Trala mesa redonda haberá un coloquio e despois terá lugar a conferencia de María Emilia Casas. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, clausurará o congreso.

A primeira muller presidenta do TC

María Emilia Casas, monfortina nada en 1950, foi catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Facultade de Dereito da Universidade Complutense de Madrid, e vicerreitora da Universidade Carlos III. O 16 de decembro de 1998 foi elixida Maxistrada do Tribunal Constitucional e en 2004 foi nomeada presidenta, converténdose deste xeito na primeira muller en acceder a tal maxistratura. En xaneiro de 2011 colleulle o relevo Pascual Sala á fronte do TC. O pasado mes de abril, o Consello de Ministros condecorou a María Emilia Casas coa Gran Cruz da Real e Distinguida Orde Española de Carlos III en recoñecemento á súa labor á fronte desta institución, un galardón que se suma a outros como a Medalla da Orde do Mérito Constitucional ou o Premio Pelayo para Xuristas de Recoñecido Prestixio.

Un encontro para conseguir Concellos máis eficaces

A Deputación de Lugo foi a primeira de Galicia en organizar un foro de carácter permanente, aberto a todos os actores das administracións locais da provincia e baseado na busca de solucións para a consecución de entidades locais máis eficaces, optimizando recursos e aforrando custes.

Deste xeito, na primeira edición, o tema central foi o servizo integral de asesoramento xurídico, económico-financieiro e técnico que a Deputación presta, de xeito totalmente gratuíto, ós municipios, evitándolles gastos ó non ter que recorrer a empresas externas. Na segunda convocatoria, tratouse a lei de protección de datos e a implantación da administración electrónica, cuestións de actualidade e extraordinaria importancia xa que o seu manexo incorrecto implica sancións millonarias. Este ano, o debate xirará ó respecto da contratación temporal nas entidades locais, logo de que os servizos de Cooperación e Recursos Humanos da institución detectasen que o emprego abusivo deste sistema está a levar consigo serios problemas:

1.- Un problema persoal debido a situación de falta de estabilidade que sofren o 70% dos traballadores das administracións locais da provincia ó ter este tipo de contrato.

2.- Un problema xurídico ou legal pola inadecuación dos contratos para determinados servizos nas administracións locais lucenses. Na provincia contabilízanse ó ano ó redor de 100 demandas a este respecto no Xulgado do Social.

3.- Un problema económico como consecuencia de ditas contratacións irregulares, que obrigan ós Concellos a pagar ó redor de 500.000 euros ó ano.