Deputación de Lugo

130 persoas participan nas probas físicas para a selección de novo persoal no parque de bombeiros de Monforte de Lemos

Os aspirantes ás 19 prazas realizan entre hoxe e mañá en instalacións da capital luguesa as probas de gabeo por corda, press de banca, atletismo e natación, ademais do test de toponimiaA selección rematará o vindeiro 23 de febreiro coas entrevistas en galego e a proba de condución que terá lugar no Parque de Bombeiros de ChantadaRematado este proceso, serán un total de 120 os empregos creados polo Consorcio Provincial, integrado por Deputación de Lugo e Xunta, para prestar cobertura contraincendios na provinvia

As 130 persoas que superaron os exames teóricos do proceso selectivo de persoal para o parque de bombeiros de Monforte de Lemos, ó 50% dos presentados, realizan entre hoxe e mañá as probas físicas. Este mércores, os aspirantes ós 19 novos postos de traballo que oferta o Consorcio Provincial de Bombeiros, organismo integrando ó 50% por Deputación de Lugo e Xunta, concentráronse no Pavillón Universitario de Lugo e nas pistas de atletismo Gregorio Pérez, tamén na capital luguesa, para realizar as probas de gabeo por corda, press de banca e carreira de 100 metros lisos.

Na mañá do xoves, terá lugar, unha vez máis nas pistas de atletismo da cidade luguesa, a carreira de 1.500 metros mentres que a de 50 metros de natación celebrarase na piscina municipal das Pedreiras. Xa pola tarde, aqueles participantes que superasen a totalidade das probas físicas deberán enfrontarse ó test de toponimia, consistente en 30 preguntas sobre o ámbito xeográfico–poboacional de Lugo. Os resultados desta última proba publicaranse posteriormente en www.natutecnia.com, a páxina web da empresa adxudicataria da xestión indirecta dos parques que dispón o Consorcio na zona sur, a UTE Hasa-Natutecnia. O proceso de selección rematará o 23 de febreiro coas entrevistas en galego e a proba de condución nas instalacións do parque de bombeiros de Chantada.


120 empregos
Cos profesionais que resulten seleccionados, serán un total de 120 os novos postos de traballo creados polo Consorcio Provincial de Bombeiros para prestar cobertura contraincendios na provincia. É e que os parques da zona sur (Monforte, Sarria e Chantada) contan cada un con 19 efectivos, mentres que os da zona norte (Barreiros, Vilalba e Viveiro) teñen 21, respectivamente. Esta diferencia de profesionais débese ás melloras presentadas polas empresas adxudicatarias da xestión indirecta dos complexos. O Consorcio garante, deste xeito, a cobertura contrainendios no 90% de Lugo as 24 horas dos 365 días ó ano. No norte lugués, as instalacións de Barreiros, Viveiro e Vilalba atenden 25 Concellos e no sur, as de Chantada, Sarria e Monforte prestan servizo noutros 25 municipios. De calquera xeito, as actuacións destes profesionais non se limita ós Concellos de cobertura prioritaria, senón que tamén teñen lugar fóra dos límites dos mesmos, tanto a nivel comarcal e provincial, como autonómico.


Integración ó Consorcio
A selección de persoal é o seguinte paso de cara á incorporación das instalacións monfortinas ó Consorcio. No Orzamento para 2012 do organismo contémplase a partida necesaria para esta integración que, ademais do reforzo do cadro de persoal, leva consigo a mellora e adaptación das dependencias e o equipamento co fin de que o parque teña as mesmas características cos outros 5 do Consorcio (Sarria, Chantada, Barreiros, Viveiro e Vilalba). Para elo, está previsto adquirir 1 camión bul e outro lixeiro, quedando 4 vehículos preparados para cubrir emerxencias ó igual que nas restantes instalacións contraincendios. Tamén se mercará todo o material interior necesario, é dicir, dende mobiliario ou material informático ata traxes de protección ou ferramentas. Este investimento nas instalacións monfortinas respostan ás necesidades detectadas polos técnicos na súa visita a este complexo.