Deputación de Lugo

A Deputación non aumentou os gastos de persoal, senón que os reduciu en máis de 10,3 millóns de euros nos últimos anos

Imaxe deputación de lugo
Martínez aclarou que a institución non creou novos postos de traballo senón que substituíu, mantendo a mesma dotación salarial, os de Vicesecretario e Asesor Técnico polos de Director de Asesoría Xurídica e Letrado Asesor Adxunto, “non supoñendo nin un só euro máis en persoal”O voceiro explicou que non hai duplicidade de postos porque as competencias son distintas e que estes cambios atenden á crecente carga de traballo da área de Asesoría Xurídica ós ConcellosLogo de aprobar esta modificación no Pleno e ser levada a varias Mesas de Negociación, contando co acordo maioritario dos Sindicatos, “a señora Candia pronúnciase agora, quizais pola súa inexperiencia, ingorando que estes cambios xa se trataron no seu momento”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, aclarou este venres que a Deputación non aumentou os gastos de persoal senón que os reduciu en máis de 10,3 millóns nos últimos anos, Logo das declaracións da voceira provincial do Partido Popular, Elena Candia, coas que “terxiversa e manipula a información”. Martínez salientou que a institución luguesa non aumentou o número de postos de traballo senón que substituiu dous dos existentes. Trátanse dos de Vicesecretario e de Asesor Técnico que, coa mesma dotación salarial, pasan a ser Director de Asesoría Xurídica e Letrado Asesor Adxunto. É dicir, remarcou o socialista, “estes cambios non supoñen nin un só euro máis en persoal, o custe desta modificación é cero”.

Non se trata, polo tanto, da creación de novos postos, senón que, ante a xubilación do anterior Vicesecretario da Corporación e a amortización do posto de Asesor Técnico, a institución cubrirá estes postos co persoal de marcado perfil xurídico para atender a crecente carga de traballo que rexistra o departamento de Asesoría Xurídica debido ós servizos que prestan os letrados provinciais ós Concellos ante a ausencia de persoal cualificado nos Consistorios. Isto conleva, ademais, un aforre de custes ás arcas municipais ó non ter que optar a contratacións externas.

Martínez destacou que non hai duplicidade de postos, como mantén o PP, xa que non teñen nada que ver as competencias do Secretario da Deputación, propias dun funcionario con habilitación de carácter estatal, coas dun Asesor Xurídico. “O Secretario, que xa non vai a contar coa axuda dun Vicesecretario, non pode asumir as tarefas de asesoramento xurídico porque ten responsabilidades dabondo na institución e os Concellos cómpren dun servizo áxil”, remarcou.
Consenso cos Sindicatos
Esta modificación de postos de traballo foi aprobada, inicialmente, por acordo Plenario de 29 de novembro de 2011 e, definitivamente, na sesión de 31 de xaneiro de 2012, despois de ser levada ás Mesas Xerais de Negociación do 4, 10 e 16 de novembro, onde tamén foron acordadas pola maioría dos representantes sindicais. O voceiro socialista subliñou que, logo de tratar este asunto en varias ocasións nas que o PP tivo opcións de presentar alegacións, “a señora Candia pronúnciase agora, quizais pola súa inexperiencia, ignorando que estes cambios xa se trataron no seu momento”.

Política de aforro
Martínez subliñou que estes cambios na denominación e funcións dos postos sinalados, non varían a política de aforro que leva poñendo en práctica o actual Goberno Provincial, visible nos Orzamentos da Deputación. No ano 2011, reducíronse os gastos de persoal en máis de 10 millóns de euros. A estas cifras hai que sumar unha nova redución de preto de 300.000 euros, recollida nos Presuposto de 2012. Parte deste aforro procede da redución dun 20% dos asesores con respecto ó pasado mandato, aínda que os dependentes da Presidencia se reduciron aínda máis (un 30%). A partida para o funcionamento dos membros do equipo de Goberno Provincial se recortaron nun 25%, e incluso os soldos do Presidente o do equipo de Goberno están conxelados dende o 2010, moito antes da entrada en vigor do Real Decreto de Redución de Déficit Público.