Deputación de Lugo

A Deputación aforra 50.000 euros ó Incio co arranxo de vías municipais

Presidente e Acaldesa supervisaron as mellora que executa o organismo provincial en Trascastro, beneficiando ós más de 70 veciños que viven nos núcleos rurais desta parroquiaGómez Besteiro e Celeiro García entregaron os diplomas ós 75 participantes nos cursos tecnolóxicos celebrados no Incio en 2011 coa programación itinerante e gratuíta do In Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, supervisaron este xoves os traballos de mellora en vías municipais que está a executar o organismo provincial na localidade de Trascastro. Gómez Besteiro salientou que “con estas actuacións aforramos 50.000 euros ó Concello ó evitarlle a contratación dunha empresa externa, ó tempo que melloramos os accesos desta parroquia composta por varios núcleos rurais nos que viven máis 70 veciños”.

Para a execución destas obras, a institución desprazou as máquinas do seu parque móbil, un servizo que o Goberno provincial reorientou en 2007, poñendo a disposición de todos os Concellos lugueses tanto os medios técnicos como o persoal deste departamento para o acondicionamento de estradas de carácter municipais. Deste xeito, hoxe no Incio hai un equipo de rego, composto por 1 apisonadora, 1 camión gravilla e 1 cisterna, ademais de 3 profesionais que actúan coa colaboración de persoal municipal. Na actualidade, a Deputación mantén outros equipos en Sober e no Corgo que, posteriormente e atendendo a demanda dos municipios, desprazará a Xermade e Lourenzá, aforrando centos de custes a estes Concellos.

As actuacións en Trascastro son unhas das primeiras que a institución luguesa leva ó Incio este ano dentro da súa aposta pola máxima cooperación cos Concellos da provincia. Mostra deste compromiso son os máis de 1,5 millóns de euros que a Deputación aforrou a este municipio durante o primeiro mandato do Goberno provincial, prestando cobertura contraincendios -un servizo do que dispón este municipio por primeira vez na historia-, mellorando as comunicacións viarias con 850.000 euros, executando pequenas obras por valor de 120.000 euros ou promocionando a actividade comercial e cultural mediante, por exemplo, achegas para a Festa das Danzas da Cervela.

Achegando as novas tecnoloxías

O titular provincial e a Rexedora fixeron entrega dos diplomas ós 75 participantes nas accións formativas que levou a Deputación ó Incio coa programación itinerante e gratuita do In Lugo, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia posto en marcha pola institución luguesa co fin de impulsar as vantaxes das novas tecnoloxías na provincia. Tendo en conta as demandas dos veciños realizadas no Centro, o organismo provincial celebrou neste Concello os seguintes cursos: 3 de alfabetización informática, 2 de Redes Sociais, así como un seminario de búsqueda activa de emprego mediante Internet.

Outra das iniciativas tecnolóxicas da Deputación no Incio é o Innova-TE, o programa mediante o cal a institución implantou, en menos dun ano, a administración electrónica neste municipio, ó tempo que o dotou de todo o material técnico necesario para a súa posta en marcha, así como dun novo portal web. Isto supuxo un aforro de máis de 300.000 euros ás arcas locais xa que o organismo lugués asumiu todos os custes logo de acadar fondos da Unión Europea co fin de rematar coa fenda tecnolóxica na provincia ante a pasividade da Xunta, administración con competencias directas na materia.