Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Navia de Suarna potencian á venda de 5 toneladas de androllas na XXII edición deste festexo

Pilar García e José Fernández presentaron a cita que se celebrará o domingo e na que se adquirirán pezas deste produto a prezos de entre 8 a10 euros, elaboradas por 5 produtores dos Ancares Como exemplo das posibilidades económicas da androlla, na presentación participou un naviego que comezou a súa andaina profesional neste festexo, chegando a converterse no 1º lugués en comercializala no exterior e a abrir unha factoría para a súa elaboración nesta localidade da MontañaHaberá 30 expositores: 15 de alimentación -derivados do porco, doces, pan ou licores- e outros 15 de artesanía -pezas de coiro, fieltro, cestaría ou bisutería- de profesionais de Galicia e O BierzoA programación da que é a 1º festa gastronómica que surxiu nesta Comarca arrincará ás 10:00 horas e incluirá unha degustación gratuíta de 200 quilos de androllas ás 13:30 horas

A Deputada provincial Pilar García Porto e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, presentaron este martes a vixésimo segunda edición da Festa da Androlla de dito municipio, que terá lugar o vindeiro domingo, 19 de febreiro. Trátase da 1º cita gastronómica que surxiu na Montaña de Lugo, concretamente no ano 1991, e que sempre se celebra o Domingo de Antroido, aproveitando o feito de que a androlla é un prato típico en Galicia durante esta data para promocionar a súa riqueza na Comarca dos Ancares, onde se concentran gran parte das 3.460 explotacións de gando porcino existentes na provincia. García Porto subliñou a importancia de “colaborar con este tipo de iniciativas, que supoñen un impulso para o atractivo turístico e económico dos Concellos que os organizan”

Como mostra do éxito desta tradicional cita gastronómica e as posibilidades económicas dos produtos autóctonos, no acto de presentación tamén participou Hortensio Díaz, un naviego que comezou a vender androllas neste festexo e que, en 1998, se converteu no primeiro produtor de Lugo en comercializalas no exterior, concretamente en Barcelona. A boa acollida que tivo este derivado do porco en Cataluña fixo que a cidade condal celebrase no ano 2000 a 1º Festa da Androlla de Barcelona. Ese mesmo ano, Díaz puxo en marcha en Navia unha factoria onde se elaboran androllas: “Embutidos Suarna”. Na actualidade, neste negocio traballan 5 persoas coa cualificación de artesáns, cifra que chega a duplicarse en datas como o Antroido.

Con este establecemento, no festexo serán 5 os profesionais dos Ancares os que poñan á venda outras 5 toneladas de androllas a prezos de entre 8 e 10 euros. Da mesma forma, produtores e artesáns de diferentes Concellos lugueses, así como de Galicia e O Bierzo, levarán outros derivados do porco -butelos, touciño, cachucas, lacóns ou chourizos-, queixos, doces, pan, mel ou licores, así como pezas de coiro, fieltro, cestaría ou bisutería. En total haberá 30 expositores: 15 de alimentación e 15 de artesanía.

Degustación gratuíta
A programación arrancará ás 10:00 horas cun pasarrúas a carga dun grupo de gaiteiros. Os “stands” abrirán as portas media hora máis tarde, ás 10:30 horas. Precisamente a música amenizará a degustación gratuíta de 200 quilos de androllas que terá lugar ás 13:30 horas. O xantar oficial comezará ás 15:00 horas e as actuacións musicais pola vila naviega proseguirán a partires das 17:30 horas e ata o fin da xornada.