Deputación de Lugo

A Deputación presenta ás empresas TIC as directrices e obxectivos do proxecto tecnolóxico Innova-TE 2

O Deputado de Economía do Coñecemento resaltou que con esta nova fase do programa, financiado ó 70% pola UE, “potenciamos a nosa aposta polas novas tecnoloxías como estratexia imprescindible para xerar emprego e fixar poboación” José Ramón Val destacou a capacidade desta iniciativa para fortalecer o tecido socioeconómico da provincia, pois “estendelo uso das TIC aumenta a competividade e produtividade das empresas, facilita o seu funcionamento e axiliza a súa posta en marcha”

A Deputación de Lugo presentou este xoves ás empresas TIC nunha sesión informativa celebrada no Salón de Actos do Pazo de San Marcos as liñas mestras e obxectivos do proxecto tecnolóxico Innova-TE 2, dado o interese e repercusión que terá para a súa actividade este ambicioso programa que o organismo provincial desenvolverá cun orzamento de 15 millóns de euros, achegados nun 70% pola Unión Europea. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val, resaltou que con esta nova fase do proxecto, “potenciamos a nosa aposta polas novas tecnoloxías como estratexia imprescindible para xerar emprego e fixar poboación”.

Val destacou así mesmo que estender e aumentalo uso das TIC contribúe a estes dous propósitos, “que para nós teñen prioridade absoluta, porque melloran a calidade de vida e o benestar dos cidadáns; garanten un desenvolvemento equilibrado do territorio e, moi importante, fortalecen o noso tecido socioeconómico, xa que aumentan a competividade e produtividade das empresas, ademais de facilitar o seu funcionamento e axilizar a súa posta en marcha. As novas tecnoloxías acurtan as distancias e os prazos, e permiten unha relación fluída con provedores e clientes”.

Pola súa banda, na xornada informativa de hoxe, o director de Fondos Europeos e do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación, Pablo Rivera, foi o encargado de explicar ós asistentes as liñas de actuación e obxectivos do Innova-TE 2, que consisten fundamentalmente en avanzar na implantación da Administración Electrónica, mellorando a calidade do servizo que Deputación e Concellos prestan ós lucenses e reducindo custes; ampliar e consolidar o uso de servizos telemáticos entre cidadáns e empresas; e aproveitar as TIC para mellorar a calidade de vida dos veciños en xeral e dos maiores, en particular.