Deputación de Lugo

A Deputación instala un sistema de videovixilancia no edificio do Hospital de San Rafael, seguindo a folla de ruta avanzada por Valiño no Pleno

Os técnicos comezaron hoxe no edificio de San Rafael a instalación dun completo sistema de vixilancia das instalacións de Castro, que inclúe unha rede láser de alarma e outra de cámaras de seguridade, coas que estes edificios quedarán custodiados as 24 horas do díaEstas medidas de seguridade, anunciadas por Díaz Valiño no Pleno celebrado esta semana, estarán listas nun mes, tempo durante o cal o edificio seguirá controlado por un servizo de seguridade nocturno e medios propios da institución provincial

Este venres deron comezo en Castro os traballos de instalación dun sistema de vixilancia para asegurar a conservación do complexo do antigo Centro Residencial e Rehabilitador San Rafael. Trátase dun sofisticado sistema composto por unha rede de cámaras de videovixilancia e de sensores láser, e que foi adxudicado en Xunta de Goberno xa durante o pasado mes de xaneiro, por algo máis de 57.000 euros.
A rede de cámaras enviará continuamente imaxes en directo, que serán recibidas en tempo real no edificio do Pazo de San Marcos, onde o persoal de seguridade da Deputación poderá ser testemuña de calquera incidente que puidera ter lugar no centro, de xeito que poderán dar aviso inmediatamente ás forzas de seguridade competentes para que estas actúen ó momento. Por outra banda, o sistema complétase cun dispositivo láser que, en caso de que alguén intente acceder ó interior de calquera dos edificios que compoñen o Centro, saltará unha alarma que tamén é recibida en San Marcos.
Está previsto que os traballos de instalación teñan unha duración aproximada dun mes, debido ás dimensións do antigo complexo hospitalario, e se levarán a cabo en tres fases diferenciadas, duns dez días de duración cada unha delas, nas que se procederá a actuar por zonas. Durante a primeira destas fases, os técnicos actuarán no pavillón central e adxacentes; o resto do inmoble será obxecto destes traballos durante a segunda fase e finalmente, durante a terceira, será a quenda das zonas das caldeiras e a das cociñas.
Mentres se prolongan estes traballos, os edificios de Castro seguirán contando co plan de seguridade deseñado polos responsables provinciais, de xeito que están custodiados durante todo o día. Este plan contempla a actuación dun servizo de seguridade nocturno, mentres que polo día, estas tarefas lévanse a cabo con medios propios da institución provincial. De feito, o edificio conta ademais coa presenza de persoal de SUPLUSA, que continua traballando nas instalacións para inventariar e reciclar todo o material aproveitable.