Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación defende a “honorabilidade e inocencia” do Alcalde de Lugo no caso Campeón

Imaxe deputación de lugo
Besteiro asegurou que Orozco “sempre interpuxo a defensa da cidade e dos interes públicos por riba de calquera aspiración persoal ou profesional” polo que pediu “o máximo respecto para a súa persoa como fixen con membros doutros partidos políticos na mesma situación”O titular provincial demandou unha “maior axilidade na xustiza para non cometer inxustizas”, remarcando que “se o xuízos non se celebran en tempo e forma redundan nunha confusión xeral da cidadanía que afecta moi negativamente á imaxe da provincia e da cidade”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este martes “a honorabilidade e inocencia” do Alcalde do Concello lugués, José López Orozco, logo de que o Rexedor municipal anunciase onte que a xuíza do Xulgado número 3 de Lugo, Estela San José, viña de citalo para prestar declaración ó respecto da Operación Campeón o vindeiro 23 de marzo. Gómez Besteiro salientou que “tiven a honra de traballar co Rexedor durante moitos anos e o seu comportamento está fóra de toda dúbida”.

O titular provincial subliñou que “López Orozco, considerado polos cidadáns o Alcalde máis valorado de toda Galicia, sempre interpuxo a defensa da cidade e dos intereses públicos por riba de calquera aspiración persoal ou profesional”. Por este motivo, o Presidente pediu “o máximo respecto para a súa persoa como sempre fixen con membros doutros partidos políticos na mesma situación”.

Besteiro considerou que o Rexedor “actuou correctamente” denunciando, previamente á citación de San José, ó presunto autor do caso, Jorge Dorribo, por inxurias e calumnias, reclamando 50.000 en concepto de indemnización, logo de nomealo nunha das múltiples declaracións que o empresario lugués realizou ante os Xulgados. A este respecto, engadiu que o Alclade xa interpexera esta denuncia para “demostrar, canto antes, que o Concello de Lugo sempre actuo cumprindo con todos os requisitos legais”.

“Maior axilidade na xustiza”
O Presidente valorou que “é necesaria unha maior axilidade na xustiza, precisamente, para non cometer inxustizas”, subliñando que “unha xustiza máis áxil é compatible co rigor policial e xudicial pero tamén coa defensa da honorabilidade das persoas”. Besteiro remarcou que “se os xuízos non se celebran en tempo e forma, dilatándose durante anos, redundan nunha confusión xeral da cidadanía que afecta moi negativamente á imaxe da provincia e da cidade”. Polo tanto, setenciou, “pido o maior dos esforzos neste senso”.