Deputación de Lugo

A Deputación contribúe a manter uns 130 empregos directos en sectores estratéxicos da Ribeira Sacra coas rutas de Km0

A afluencia de visitantes que garante o programa medioambiental beneficia á hostalería, comercio, turismo, artesanía e adegas da comarca As rutas pola Zona Sur son as máis demandadas, tralas da Mariña, concentrando preto de 8.000 participantes dende a posta en marcha deste proxecto en 2008 A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu este martes en San Marcos a 55 integrantes do colectivo de amas de casa de Palas de Rei e a 48 da Asociación Familiar de Amas de Casa de Ribadeo, que redescubriron Samos e Cospeito, respectivamente

O programa medioambiental Km0 da Deputación contribúe a manter uns 130 postos de traballo directos en sectores estratéxicos do tecido socioeconómico da Ribeira Sacra, pois a afluencia de visitantes que garanten as rutas organizadas no marco desta iniciativa supón un pulo para actividades coma a hostaleira, comercial, turística, artesá e adegueira. Na actualidade, Km0 colabora con 32 establecementos da Zona Sur, de xeito que os participantes nos roteiros comen sempre en restaurantes ou casas de turismo rural da comarca, ademais de visitar obradoiros artesáns, como a olería de Gundivós, e empresas agroalimentarias, principalmente adegas.

As rutas pola Zona Sur –que abarca os Concellos de Monforte, Sober, A Pobra do Brollón, Bóveda, Pantón, Saviñao, Ribas do Sil, Quiroga, O Courel, Chantada, Taboada e Carballedo- son as máis demandadas, tralas da Mariña, concentrando preto de 8.000 participantes dende a posta en marcha do proxecto Km0, no ano 2008. Entre os lugares que máis sorprenderon están os Canóns do Sil e do Miño; Belesar; Os Peares; a praia fluvial e a igrexa da Cova, ou o miradoiro do Cabo do Mundo, no Saviñao.

Mostra dos efectos positivos do Km0 sobre a economía da Ribeira Sacra é o agradecemento que establecementos como os restaurantes O Grelo e Mesón JM de Monforte, Mogay de Chantada, Lar de Torrenovaes e Parada 2 de Sober; as adegas Regina Viarum de Chantada e Algueira de Sober, e Hospedería Ferreiro do Courel, e colectivos coma a Asociación de Xubilados de Taboada, lle fixeron chegar á Deputación por ter emprendido a iniciativa e por incluílos nas viaxes programadas, pois estas dinamizan a actividade dos seus negocios.

As empresas que o desexen poden colaborar
A Deputación mantén aberta a lista de organizacións colaboradoras co programa Km0, de xeito que calquera que queira que o seu negocio ou entidade pase a formar parte das rutas pode facelo no momento que o desexe, tan só ten que dirixirse á entidade provincial, chamando ó numero de teléfono 982-26-00-75.

Variedade nas rutas desta semana
A diversidade dos destinos caracteriza a programación das rutas de Km0 para esta semana, pois haberá itinerarios polas comarcas de Sarria, Terra Chá, Ribeira Sacra, A Montaña e A Mariña. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este martes no Salón de Actos de San Marcos ós dous primeiros grupos: 55 integrantes do colectivo de Amas de Casa de Palas de Rei e 48 da Asociación Familiar de Amas de Casa de Ribadeo, que redescubriron os municipios de Samos e Cospeito, respectivamente. No caso das veciñas de Palas, trala recepción, achegáronse ás instalacións da Fundación TIC para desprazarse despois a Samos, onde comeron nos restaurante A Pontenova, pasearon polo entorno do Mosteiro e entraron nel, e visitaron a Capela do Ciprés. En canto ó grupo de ribadenses, á saída da Deputación, achegáronse ó Paseo do Rato para coñecer o Centro de Interpretación Terras do Miño. Seguidamente, xa en Cospeito, comeron no restaurante Beiramiño, fixeron un tramo da ruta de sendeirismo no entorno do lago e visitaron a Torre de Caldaloba e o Museo da Prehistoria.

O programa continúa mañá cun percorrido pola Ribeira Sacra, que farán 48 membros da Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo, e outro pola Montaña, do que gozarán 48 integrantes da Asociación Prestancia de Lugo. Na primeira, os mindonienses coñecerán a olería de Bonxe, farán un tramo da ruta de sendeirismo de Torbeo a Cubela, en Ribas do Sil, e achegaranse á adega Val de Quiroga. A comida será no restaurante quirogués Rairos. O segundo itinerario levará ó grupo lucense a visitar as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación para comer despois no Hostal Piornedo, na localidade do mesmo nome, coñecer a Palloza do Sesto e cubrir unha ruta de sendeirismo hasta a igrexa de Donís. Esta mesma ruta farana o xoves 48 membros do colectivo lucense Alume.

55 integrantes da Asociación Cultural Espalladoira de Castroverde compoñen o outro grupo do xoves, que neste caso desprazarase ata A Mariña. Deste xeito, o seu itinerario arrancará na fábrica de Sargadelos, en Cervo, para continuar polo Paseo dos Namorados, a antiga planta de cerámica, a Casa da Administración e a vila de San Cibrao. A comida terá lugar no restaurante cervense O Almacén.