Deputación de Lugo

A Deputación, co apoio da Garda Civil, repón a legalidade nun cadro eléctrico de Guitiriz a pesar da oposición do Alcalde

Atendendo á solicitude que lle fixo o organismo provincial á Subdelegación do Goberno, tres axentes da benemérita acompañaron este xoves ós técnicos provinciais e dunha empresa especializada para poder corrixir os graves defectos detectados na instalaciónA institución luguesa garante así a seguridade dos veciños, pois as anomalías existentes representaban un grave risco, podendo incluso provocar a morte por electrocutamentoManuel Martínez sinalou que en canto o Concello corrixa as deficiencias nos alumeados das 4 rúas municipais que provocaron esta situación e así o certifique unha empresa homologada, “poderán volver a utilizar o noso cadro eléctrico sen ningún problema”

A Deputación de Lugo, co acompañamento da Garda Civil, procedeu este xoves a repoñela legalidade no cadro eléctrico da Rúa Deputación de Guitiriz logo de que o Alcalde, Xosé María Teixido, llo imposibilitara hai xusto unha semana, a pesar de que fora el mesmo e o grupo provincial do PP os que denunciaran a situación no mes de novembro. Atendendo á solicitude que lle fixo o organismo provincial á Subdelegación do Goberno, tres axentes da benemérita acompañaron esta mañá a técnicos da Deputación e dunha empresa especializada en proxectos eléctricos para poder corrixir os graves defectos do cadro, provocados por unha manipulación ilegal da que a institución luguesa non é responsable.
O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, recalcou que coa actuación realizada hoxe “garantimos a seguridade dos veciños, pois as anomalías existentes representaban un grave risco, podendo incluso provocar a morte por electrocutamento”.

Aínda que finalmente a Deputación puido repoñer a legalidade no cadro eléctrico, o Alcalde, acompañado da Policía Local, volveu a mostrar dende o primeiro momento unha actitude obstrucionista e, tras corrixirse as deficiencias, prohibiulle ó equipo técnico desprazado polo organismo provincial pechar a instalación cuns cadeados. Deste xeito, “agora sabemos que as cousas quedaron ben, pero non temos garantías, por culpa de Teixido, de que o cadro non volva ser manipulado. Se iso ocorrese, emprenderíamos as accións legais oportunas contra o Alcalde”, advertiu Martínez.

Así mesmo, o Deputado subliñou que as irregularidades no cadro eléctrico da Rúa Deputación están provocadas por irregularidades en alumeados de 4 rúas de titularidade municipal (Praza da Igrexa, Rúa do Ferrocarril, parte de Avenida da Coruña e parte de Rúa do Concello), mentres que as 3 restantes dependentes do Concello (Avenida dos Vilares, Rúa Rosalía de Castro e Camiño ó Campo de Fútbol) e 2 máis da Deputación (Mercado e Deputación) están en perfecto estado e non supoñen perigo algún. Neste senso, asegurou que, en canto o Concello corrixa as deficiencias nos alumeados desas 4 rúas municipais e así o certifique unha empresa homologada, “poderán volver a utilizar o noso cadro eléctrico sen ningún problema, xa que a Deputación non está para crear problemas, senón para solucionalos e colaborar con todos os Concellos, independentemente da súa cor política, por iso lamentamos a actitude cerril do Alcalde”.

Manuel Martínez lembrou que a Deputación advertiu en xaneiro por escrito ó rexedor e deulle o prazo legal estipulado para reparar ditas irregularidades nas rúas que son da súa competencia, sen que tomara ningunha medida ó respecto, “polo que nos vemos obrigados a repoñer nós a legalidade, atopándonos con estupor que, os mesmos que denunciaron a situación, tratan agora de impedir que a solucionemos”, indicou o Deputado de Xestión Territorial.