Deputación de Lugo

Cubertas as 25 prazas do obradoiro infantil sobre a Reserva Terras do Miño que ofrecerá a Deputación este domingo

Imaxe deputación de lugo
A xornada lúdico formativa, na que participarán rapaces de entre 6 e 11 anos de idade, terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, de 17:00 a 19:30 horasInvestigadores da Universidade de Santiago dirixirán as actividades dos nenos, que traballarán nun manual sobre a importancia do río e a súa fauna e flora, farán unha visita guiada polo Centro de Interpretación e merendarán con produtos autóctonos

A Deputación de Lugo ofrecerá este domingo un novo obradoiro infantil sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño, para o que están cubertas as 25 prazas dispoñibles. A xornada lúdico formativa, dirixida a rapaces de entre 6 e 11 anos e gratuíta, terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, de 17:00 a 19:30 horas. Os pais ou outros familiares poderán participar cos nenos nas actividades, que dirixirán investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e consistirán en tarefas nun divertido manual didáctico sobre a importancia do río, e a súa fauna e flora, unha visita guiada polo Centro de Interpretación e unha merenda con produtos autóctonos.

Este obradoiro é o segundo e último dun programa para os máis pequenos organizado pola Deputación no Centro de Interpretación Terras do Miño, aínda que as actividades de divulgación sobre a Reserva continuarán nos centros educativos. Deste xeito, o próximo martes, día 28, haberá dous talleres: un no CPI Virxe do Monte, en Cospeito, no que participarán alumnos de 3º da ESO, e o outro no IES Terra Chá de Castro Ribeiras de Lea, ó que asistirán estudantes do Ciclo Superior de Xestión e Organización de Recursos Naturais e Paisaxísticos. Neste caso, os obradoiros xirarán tamén en torno ó ecosistema fluvial. Deste xeito, mostraráselles ós mozos a través de textos e imaxes as características da flora (bosques de ribeira e vexetación propia das cuncas), e a fauna (peixes, aves mamíferos...)

Este ciclo de xornadas forma parte dun plan de actuación que a Deputación de Lugo desenvolve ó abeiro dun convenio que asinou co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, espazos protexidos pola UNESCO dos que o organismo provincial é o máximo responsable. Un dos obxectivos fundamentais deste plan é difundir entre a cidadanía en xeral, nenos e maiores, e entre os profesionais dos sectores vinculados a todo o relacionado co medio ambiente, en particular, as características e recursos das Reservas da Biosfera, buscando deste xeito a implicación da sociedade para garantir a conservación, a xestión sostible e a posta en valor do patrimonio natural da provincia.