Deputación de Lugo

Ramón Carballo realiza a súa primeira visita oficial á Deputación como subdelegado do Goberno en Lugo

O representante do Goberno defendeu a necesidade da colaboración entre as dúas administracións a prol dos lucenses

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo Páez, mantivo hoxe un encontro institucional co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, para tratar temas de interese para as dúas administracións.

Nesta primeira toma de contacto oficial, Carballo e Besteiro manifestaron a vontade de manter unha relación fluída entre as dúas institucións que redunde no beneficio do conxunto dos veciños e veciñas da provincia, facilitándolles todas as garantías de atención.

O subdelegado do Goberno en Lugo defendeu a necesidade da colaboración e o traballo conxunto das administracións en asuntos como o mantemento e a mellora de servizos prioritarios nos concellos da provincia.

Ramón Carballo amosou tamén a disposición a colaborar co goberno provincial para garantir a seguridade cidadá durante a celebración de diversos eventos lúdicos que a Deputación promove ao longo do ano en diferentes localidades lucenses.