Deputación de Lugo

867 persoas aspiran hoxe ás novas bolsas de emprego da Deputación para formar guías especializados nas Reservas

O proceso de selección arrancou cunha proba tipo test de media hora de duración, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos. Os aspirantes que superen este primeiro exame pasarán á segunda e última fase, que consistirá nunha entrevista persoalOs 24 beneficiarios das becas recibirán 145 horas de formación a custe cero, que iniciarán en maio, e logo traballarán como bolseiros entre xuño e setembro cunha remuneración neta mensual de 700 eurosDesenvolverán actividades recreativas, culturais, divulgativas e de concienciación, ademais de recompilar información de interese sobre as Reservas, co obxectivo de fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade

A Deputación de Lugo recibiu 867 solicitudes de persoas de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade para participar no programa de bolsas de emprego a través do que o organismo provincial formará a 24 persoas como guías medioambientais especializados nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A institución luguesa iniciou este martes o proceso de selección dos aspirantes cunha proba tipo test de media hora de duración, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e coa que avaliará os coñecementos relativos á temática do proxecto. Debido á gran cantidade de solicitudes recibidas nos 7 días que durou o prazo de inscrición, os aspirantes dividíronse en tres grupos: 269 estaban citados ás 10:30 horas; 266 ás 11:45 horas e, por último, 332, ás 13:30 horas.

As persoas que superen este primeiro exame serán convocadas ó longo desta semana e da próxima á segunda e última fase do proceso de selección, consistente nunha entrevista persoal, que terá como finalidade apreciar o grao de interese, madurez e dominio dos coñecementos, ademais da formación acreditada no currículo, en relación coas prácticas a realizar.

Haberá 12 bolseiros por cada Reserva e o proxecto estrutúrase en dous piares:

En primeiro lugar, os beneficiarios recibirán 145 horas de formación a custe cero, que iniciarán antes de acabar este mes, como monitores guías das Reservas Terras do Miño e Os Ancares. Segundo os prezos de mercado, unha persoa a título individual tería que pagar 900 euros por recibir este tipo de ensinanzas.

En segundo lugar, os participantes farán prácticas remuneradas durante 4 meses, entre xuño e setembro. Cada un dos bolseiros percibirá unha remuneración neta de 700 euros ó mes. Neste período, realizarán diversas actividades recreativas, culturais, divulgativas e de sensibilización no territorio das Reservas co obxectivo de fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade. Así mesmo, recompilarán todo tipo información de interese sobre estes espazos, que será incorporada ó navegador xeográfico www.delugo.org A Deputación puxo en marcha este Google medioambiental das Reservas da Biosfera a principios do pasado ano con fondos europeos de Lug02. O portal web permite ó usuario navegar por un mapa da provincia, obtendo información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse e ofertas de lecer dos lugares que lle interesen. No momento da súa presentación, o organismo provincial avanzou que este navegador xeográfico estaría en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais se irían sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán. Co programa de guías medioambientais fai que esa continua actualización de contidos sexa posible.

A oportunidade económica da provincia

O programa de guías medioambientais da Deputación ten como obxectivos fundamentais consolidar o medio ambiente como unha oportunidade económica de futuro para a provincia, capaz de xerar emprego e fixar poboación, e dinamizar o mercado laboral. O proxecto desenvólvese a través do convenio que a Deputación ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares. Deste xeito, o departamento estatal financia o 66% do plan de bolsas de emprego, que está dotado con 141.600 euros.