Deputación de Lugo

Máis de 700 nenos da provincia seguirán recibindo unha educación gratuíta e de calidade con Preescolar na Casa grazas á Deputación

Gómez Besteiro, Antonio Veiga e a Presidenta da Fundación, Marisol Fernández, asinaron o convenio de colaboración co que o organismo provincial fai posible a continuidade do proxecto educativo en Lugo achegando 65.000 eurosO Presidente subliñou que, facendo un novo esforzo inversor e suplindo unha vez máis á Xunta, o organismo provincial aposta por un servizo que “garante a igualdade de oportunidades educativas, combate o despoboamento e crea emprego”O mandatario provincial avanzou que a Deputación enviou esta mañá o requirimento á Xunta para que reconsidere a derogación do Decreto de Servizos Sociais e o seu financiamento, e mantén o seu ofrecemento de visita oficial a Feijóo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente, Antonio Veiga, e a Presidenta da Preescolar na Casa, Marisol Fernández Rocha, asinaron este luns o convenio de colaboración en virtude do cal o organismo provincial achega 65.000 euros a esta Fundación, garantindo deste xeito que 737 nenos e nenas da provincia e as súas familias, o 91% procedentes de zonas rurais, sigan recibindo as ensinanzas gratuítas e de calidade que ofrece o programa educativo. A Deputación aumentou neste 2012 nun 25% as súas axudas a Preescolar con respecto ó ano pasado, mentres que a Xunta reduciu a cero a súa achega, o que obrigou a destruír 11 postos de traballo e atender a 1.000 familias menos en Galicia.

Gómez Besteiro destacou que, facendo un novo esforzo inversor e suplindo unha vez máis á Xunta de Galicia, que é a que ten competencias en educación, a Deputación outorga esta axuda de 65.000 euros -50.000 da área de Presidencia e 15.000 da de Cultura-, que, xunto ás concedidas o pasado 2011, suman preto de 120.000 euros. Isto certifica, engadiu o Presidente, a firme e unánime aposta do organismo lugués por un servizo que “garante a igualdade de oportunidades educativas, acabando coas diferenzas entre zonas rurais e urbanas; combate o despoboamento ó facilitar servizos e prestacións para manter a calidade de vida das súas xentes, pois se tan importante é levar ó rural a telefonía ou internet, máis o é a educación; e constitúe unha fonte de creación de emprego”.

Recalcou tamén que o convenio con Preescolar asinado hoxe é “útil, aínda que dende a Deputación non podemos soster sós este proxecto”. “Hai algo que non se entende dende Santiago, que a provincia de Lugo ten unhas condicións específicas: ten un gran número de maiores e, por tanto, un gran abandono do territorio, polo que os esforzos no rural como Preescolar na Casa son imprescindibles”.

“Na Deputación témolo claro: Neste contexto de dificultade económica, estamos convencidos de que é tan importante aforrar como investir e que non é o momento de non deixar a ninguén colgado, desatendido. Recortar por recortar non soluciona os problemas”, asegurou o mandatario provincial.

Pola súa banda, o Vicepresidente insistiu en que Lugo “ten unhas condicións específicas, e hai quen pensa que Galicia vai dende Ferrol a Vigo, esquecéndose do eixo interior”, ademais de recalcar que a día de hoxe o servizo de axuda do fogar na provincia “mantense única e exclusivamente grazas á Deputación”.

A Presidenta da Fundación Preescolar na Casa, tan moi emocionada que tivo que parar en varias ocasións a súa intervención, quixo agradecer “o cariño da Deputación” ó apoiar o proxecto educativo na provincia. “Non sei se o programa vai morrer ou non, pero reconfórtame saber que loitaremos para que non desapareza e que, faga quen o faga, sempre estea garantida a atención ás familias e ós nenos”, afirmou Marisol Fernández Rocha. Considerou así mesmo que as palabras da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, cualificando de obsoleto o programa “non se axusta á realidade”. De feito, tense convertido nun referente en España e mesmo en Europa, pois actualmente están en marcha iniciativas similares en países suramericanos e mesmo en Inglaterra. A propia Xunta presentouno como programa clave fronte ó despoboamento demográfico.

A Presidenta da Preescolar reclamou “un verdadeiro debate público sobre a atención ós pais e ós nenos”, e preguntouse cales son os plans da Xunta neste ámbito, mostrándose “optimista, pero tamén realista”, sabedora de que o Goberno galego “non está dando os pasos necesarios para recapacitar”.

Consecuencias do recorte da Xunta

Os recortes do Executivo autonómico obrigaron a paralizar durante meses as prestacións de Preescolar na Casa. A Fundación puido retomar a súa actividade logo de recibir unha axuda do Ministerio de Sanidade con cargo ó IRPF acadada en novembro. Na actualidade, funciona con esta subvención, así como, en menor medida, coas concedidas dende os Concellos como, por exemplo, o de Lugo. A suma da Deputación foi determinante para poder continuar.

O programa atende hoxe ó 85% dos municipios lugueses, é dicir, está presente en 57. Anteriormente, cubría case a totalidade, 65 dos 67 Concellos da provincia, todos agás Negueira de Muñiz e Ourol debido a ausencia de demanda. Conta con 1.500 usuarios (entre pais e nenos) cando, anteriormente, eran 2.000. Para elo, desprázanse por 106 puntos de atención distribuidos pola provincia e facilitados polos Concellos, 9 profesionais, 5 menos que en 2011.

Requirimento á Xunta polos servizos sociais

O Presidente anunciou que a Deputación remitiu esta mañá á Xunta de Galicia o requirimento para que reconsidere a derogación do Decreto 99/2012 polo que se regulan os Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento, e mantén o seu ofrecemento de visita oficial a Feijóo. “O que non vale é deixar de facer as cousas e xa virán outros que as fagan. Estamos cansados de pagar os desaguisados da Xunta de Galicia na provincia”, asegurou Besteiro, o tempo que lembrou que “en administracións serias como na Junta de Andalucía, a transferencia de competencias leva aparellada cartos, pero a Xunta non traballa así”. A Conselleira de Benestar, quen cualificou de obsoleto Preescolar na Casa, “foi a mesma que dixo que as residencias non son “prioritarias, nin necesarias”, o que demostra que non coñecen a realidade na que se moven, e iso non é de bos gobernantes”.

Accesibilidade da Muralla

O xefe do Goberno provincial pronunciouse por outro lado sobre a decisión do Parlamento galego de instar á Xunta a iniciar conversacións coa Deputación para impulsar a instalación dun ascensor que facilite o acceso á Muralla para discapacitados dende os xardíns do Pazo de San Marcos. “O primeiro que fixo a Deputación foi abrir ós lucenses un xardíns que sempre estiveran pechados”, afirmou o Presidente, quen lembrou que o Goberno provincial “sempre se mostrou a favor de facer accesible a Muralla e que polo tanto dará todo tipo de facilidades para ceder o espazo que permita levar a cabo esta actuación”. En calquera caso, Gómez Besteiro pediu á xunta que “axilice o proxecto e a inversión, que son da súa competencia. Esperemos que desta vez non veñan tamén con sorpresas e que sexan máis áxiles que cos traballos de limpeza da Muralla”.