Deputación de Lugo

Máis de 800 rapaces de 7 centros da Mariña coñeceron o labor dos bombeiros do Consorcio Provincial no que vai de ano

Unha dotación do parque de Barreiros desprazouse hoxe ó colexio focense Martínez Otero para amosarlles ós alumnos como realizan traballos de prevención de incendios e salvamentoO organismo integrado por Deputación de Lugo e Xunta de Galicia responde así á petición dos centros educativos de formar ós nenos en prevención de riscos

Máis de 800 rapaces de 7 colexios e institutos da Mariña coñeceron no que vai de ano os medios humanos e materiais dos que dispón o Consorcio Provincial de Bombeiros na Costa lucense, así como o labor que desenvolven os seus profesionais. Unha dotación do parque contraincendios de Barreiros desprazouse este xoves ó colexio Martínez Otero de Foz para amosarlles ós seus 268 alumnos como realizan traballos de prevención de incendios e salvamento. Deste xeito, a actividade didáctica no Martínez Otero, na que estivo presente o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val, deu continuidade ás xa desenvolvidas dende primeiros de ano noutros 6 centros de ensinanza da Mariña: CEIP de Covas; CEIP Cervo, CEIP Juan Rey de Lourenzá; CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove; CEIP Díaz Freijo de Viveiro e IES Marqués de Sargadelos de Cervo.

O Consorcio Provincial, xestionado por Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, responde deste xeito á petición realizada polos centros educativos para formar ós rapaces dende idade temperá en materia de prevención de incendios, dándolles pautas a seguir ante posibles emerxencias que acontezan en calquera escenario, así como sensibilizándoos coa responsabilidade destes profesionais e a importancia do seu labor.

Neste 2012, incluída a actividade realizada hoxe no Martínez Otero, un total de 944 nenos da provincia de Lugo xa tiveron a oportunidade de coñecer o modus operandi dos máis de 100 profesionais dos complexos de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada e Sarria, instalacións que, ata a vindeira integración das de Monforte de Lemos, forman parte do Consorcio.

Ademais, outros tres centros mariñanos puxéronse en contacto co parque de bombeiros de Barreiros para realizar visitas ou simulacros nas vindeiras semanas. En concreto, trátase do colexio Sagrado Corazón de Ribadeo; CEIP Santa María do Valadouro e CPR Plurilingüe Vivero Basanta.