Deputación de Lugo

O Consorcio Provincial de Bombeiros asume as obras de mellora do parque de Monforte valoradas en 90.000 euros

Besteiro e Arias avanzaron que o Pleno acordou estes traballos, “disipando calquera discusión sobre os arranxos, non dilatando máis a incorporación ó Consorcio e facendo que o parque abra o 1 de outubro”A sesión aprobou a compra dun camión tamén para Monforte por 275.500 euros, facendo que estas instalacións conten con 4 vehículos preparados para cubrir emerxencias ó igual que os outros parques O Consorcio iniciará nas vindeiras semanas a adxudicación do equipamento interno e contratará a 19 profesionais, empregando a un total de 120 persoas para a cobertura do 90% do territorio lugués

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Director Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Santiago Villanueva Álvarez, presidiron este xoves o undécimo Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros no que se acordou que este Organismo, xestionado ó 50% pola Institución luguesa e a Xunta de Galicia, asuma a totalidade dos custes das obras de mellora do parque de Monforte de Lemos, valoradas en 90.000 euros, así como a contratación dun camión BUL tamén para este o complexo por 275.500 euros.

Gómez Besteiro avanzou que con estas actuacións “a previsión de apertura do parque monfortino xa incorporado ó Consorcio é do 1 de outubro. Cumprimos cun dos obxectivos que nos marcabamos dende este Organismo para este ano: dotar á provincia dun novo parque de bombeiros en 2012. Disipase, ademais, calquera discusión sobre os arranxos nas instalacións de Monforte, que vai a ser un parque punteiro como os outros 5 –Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada-. Novos Concellos do sur lugués se suman a esta continxencia, ó incrementar a prestación contraincendios nesta zona da provincia”.

Pola súa banda, a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, destacou que “é unha boa noticia para a Comarca e o sur lucense. Non queriamos dilatar máis esta incorporación. Por iso, decidimos que o Consorico asumise estes labores. Queda cuberta o 90% da poboación polo que hai que felicitarse pola colaboración entre Xunta e Deputación, que ten que servir de base en todos os aspectos”.

Mentres, o Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, ó que lle foi comunicada persoalmente esta decisión no Pazo de San Marcos inmediatamente despois do Pleno, felicitou a ambas as dúas administracións por “esta decisión acertada, coa que se dá o mesmo trata a Monforte ca outros municipios. Estou convencido de que o 1 de outubro se abrirá o complexo para o que conten coa total colaboración do Concello. Colaboración e cooperación entre administracións e institucións, este é o camiño acertado”.

Preto de 600.000 euros

O investimento total que realiza o Consorcio no parque de Monforte para a súa incorporación a dito Organismo coas mesmas características “de calidade” cos outros 5 complexos ascende a case 600.000 euros: 90.000 nas obras de mellora, 275.500 euros no camión BUL, cuxa compra hoxe mesmo supón que este complexo conte xa con 4 vehículos preparados para cubrir emerxencias ó igual que os restantes parques; e máis de 200.000 euros na adquisición do equipamento interno. E é que nas vindeiras semanas, o Consorcio iniciará a adxudicación deste material -mobiliario, traxes de protección, ferramentas, etc.- para a que ten reservada dita cantidade.

120 empregos

Ó respecto do persoal, o Consorcio Provincial de Bombeiros contratará a 19 profesionais que veñen de rematar o proceso de formación de máis de 300 horas, o 60% prácticas, na Academia Galega de Seguridade Pública para Monforte. Deste xeito, coa incorporación deste parque ó Consorcio, “son 120 as persoas ás que Deputación de Lugo e Xunta de Galicia empregan para a prestación do servizo contraincendios na provincia”, tal e como destacou Arias.

Cobertura do 90%

A partires do 1 de outubro, serán 6 os parques do Consorcio Provincial de Bombeiros, quedando cuberto o 90% do territorio lugués. Esta prestación inclúe: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc. Hai que lembrar que o ámbito territorial adscrito a cada un dos complexos non exclúe que actúen fóra dos límites do mesmo. Na zona norte, os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro dan cobertura a 25 Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove. Na zona sur, os de Chantada, Sarria e Monforte de Lemos, prestan servizo a outros 25: Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela.

Retos de futuro

Nos 4 anos anteriores, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia puxeron fin á discriminación que sufría Lugo en materia de prevención ó deixar de ser a única provincia en Galicia que aínda non contaba con servizo contraincendios. A vontade da Institución provincial e o Goberno autonómico é ampliar progresivamente a cobertura ó 100% da provincia. Ó respecto, o Presidente lugués subliñou que “é un obxectivo compartido polo que traballaremos non coa mesma fórmula debido ás condicións orográficas da zona nin no 2012”.

Asistentes ó Pleno

Ademais de Besteiro, Villanueva e Arias, tamén participaron no undécimo Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros: Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente Primeiro da Deputación; Lara Méndez, Vicepresidenta Segunda; José Antonio Fernández López, Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación da Consellería de Presidencia; José Alfonso Fuente, Alcalde de Barreiros; Gerardo Criado, Alcalde de Vilalba; Carlos Gueimunde Cabaleiro, Concelleiro de Seguridade Cidadá e Protección da Comunidade en Viveiro; Xosé Manuel Ledo, Concelleiro de Chantada; José Antonio García López, Alcalde de Sarria; e José Antonio Mourelle Cillero, Secretario da Deputación de Lugo.