Deputación de Lugo

Besteiro anuncia que a Deputación demandará ós Gobernos do PP un "trato preferente" na tarifa para asegurar os empregos de Alcoa

Imaxe deputación de lugo
O Presidente advertiu que “a Xunta e o Goberno Central deben darlle a este asunto a importancia que require porque en Lugo perigan 1.200 traballos e 700 empresas auxiliares”A Xunta de Goberno aprobará mañá unha declaración institucional, instando ós Executivos populares a actuar de xeito inmediato, definindo un marco regulador do prezo da enerxía

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves que o Goberno Provincial demandará inmediatamente á Xunta e ó Executivo Central un “trato preferente” para Alcoa ó respecto da súa tarifa eléctrica co obxectivo de manter a competitividade e a actividade da que é a principal empresa da provincia luguesa.

Gómez Besteiro advertiu que “a Xunta e o Goberno Central deben darlle a este asunto a importancia que require xa que están en perigo 1.200 postos de emprego directos en Lugo, o triple que na factoría da Coruña, así como preto de 700 empresas auxiliares. É un tema que nos preocupa de xeito extraordinario na provincia porque de non mellorar as condicións da tarifa eléctrica, corremos o risco de que Alcoa peche as súas portas tal e como anunciou o presidente deste grupo en España. Insisto, os Gobernos do PP non deben deixar este asunto”.

Por este motivo, o titular provincial avanzou que a Xunta de Goberno de mañá aprobará unha declaración institucional para que ditas administracións, con competencias directas nesta materia en Galicia e España, actúen de xeito inmediato, definindo un marco regulador do prezo da enerxía para Alcoa.