Deputación de Lugo

A IV Feira do Moble de Lugo impulsada por Deputación e Concello pecha con vendas de 1 millón de euros

Ademais, quedan abertas varias operacións de compra con importadores de Rusia que, previsiblemente, incrementarán os beneficios da iniciativa que hoxe clausurou Pilar García PortoO financiamento de ambas as dúas institucións luguesas permitiu a celebración da que foi a única mostra do moble para profesionais do sector no norte de España durante 2012

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, clausurou este domingo a IV Feira do Moble de Lugo con vendas por valor de 1 millón de euros e con varias operacións abertas con importadores de Rusia (dous de Moscú e un de San Petersburgo), que contan con 90 tendas en dito país e que, segundo os propios profesionais, previsiblemente, incrementarán de xeito considerable os beneficios.

Deputación e Concello de Lugo sumaron esforzos, permitindo a celebración desta iniciativa económica dende o xoves e ata hoxe no Pazo de Feiras e Congresos da capital, escenario ó que se achegaron unhas 1.200 persoas. Entre eles, fabricantes nacionais e internacionais cuxa estancia en Lugo contribuíu a dinamizar outros sectores como o da hostalería. Hai constancia da reserva de polo menos 100 prazas en hoteis da cidade.

Esta foi a única mostra dirixida a traballadores do sector que se celebrou este ano no norte de España grazas ó financiamento de ambas as dúas institucións luguesas e baixo a organización de Juan Carlos López González -profesional lugués do moble-. Tratouse, ademais, da 3º feira do moble para profesionais que tivo lugar en 2012 no país logo das celebradas en Zaragoza e Yecla e tras suspenderse as previstas en Alicante, Madrid, Sevilla e A Estrada.

A día de hoxe, non está prevista ningunha outra mostra destas características en España porque as que figuran no calendario oficial son abertas ó público. Por exemplo, a da Estrada para o mes de setembro que non substitúe á anulada en abril. Por este motivo, aproveitaron esta oportunidade única 45 profesionais de varias provincias galegas, Valencia, Albacete, Yecla, Toledo, Asturias e León. Estes expuxeron a máis ampla oferta das tendencias en mobiliario oficial, auxiliar, xuvenil, de xardín ou terraza, así como tapizado, colchonería, iluminación ou complementos de decoración.

Riquera do sector en Galicia

Segundo datos oficiais, Galicia conta con preto de 1.500 empresas de ebanistería, moble e elementos varios de mobiliario, que dan traballo a case 5.800 persoas e xeran un volume de negocio de 290 millóns de euros. Ademais, a riqueza forestal da Comunidade galega fan que sexa a 1º de España en canto ó número de entidades de serradoiro e preparación industrial da madeira.