Deputación de Lugo

A Deputación promociona a riqueza artesanal da provincia no Festival de Ortigueira, que reúne a 100.000 persoas

O organismo provincial aproveitará a gran proxección deste evento cultural para mostrar nunha exposición instalada no consistorio do Concello coruñés 260 pezas cedidas ó CENTRAD por 47 artesáns lugueses Haberá traballos de cestería, olería de Bonxe e Gundivós, reproducións castrexas e romanas, pedra, madeira, metal, téxtil, instrumentos musicais, vidro, ourivaría, coiro e complementosCon esta mostra, a Deputación abre unha programación de exposicións itinerantes para potenciar e abrir novas oportunidades de comercialización ó sector artesanal lugués

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada pola Concelleira de Cultura e Turismo de Ortigueira, María Cruz Sabio, presentou este xoves neste Concello coruñés a exposición artesanal que o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da institución provincial leva ó Festival Internacional do Mundo Celta desta localidade. Trátase dunha cita declarada Festa de Interese Turístico Internacional que reúne a unhas 100.000 persoas, segundo datos oficiais da última convocatoria, e que se celebra dende hoxe e ata o domingo. Polín destacou que o organismo provincial participa por 1º vez nesta cita, aproveitando “esta oportunidade económica única para impulsar a tradición artesanal de Lugo e xerar riqueza na provincia cunha mostra dos traballos de 47 profesionais lugueses deste sector”.

A exposición, situada na Casa Consistorial de Ortigueira e aberta ó público en horario de 10:00 a 22:00 horas, de venres a domingo, está composta por un total de 260 variadas pezas que artesáns da provincia puxeron a disposición do CENTRAD, conformando unha panorámica do feito á man nos últimos vinte anos polo sector artesanal lugués, e que vén significando o escaparate do traballo feito pola área de Deseño e Artesanía en diferentes ámbitos.

Haberá traballos de cestería (palla, silva, sombreirería ou láminas de madeira), olairía de Bonxe e Gundivós (olas, botixos, canecos, xarras, tixolas), reproducións castrexas e romanas (vasillas, lucernas e mosaicos), pedra (reloxos de sol, peregrinos ou trisqueis), madeira e metal (zocas ou sellas), téxtil (lino ou encaixe); instrumentos musicais, vidro, ourivaría, coiro e complementos.

A Liorta Folk da Pastoriza

O Concello de A Pastoriza tamén estará presente no consistorio de Ortigueira promocionando o festival A Liorta Folk, que celebrou a súa primeira edición o pasado mes de maio. Este festival pon a disposición dos músicos afeccionados ó folk unha oportunidade de demostrar a súa capacidade e interpretar as súas propias pezas, servindo de punto de encontro para todos aqueles que entenden o folk como estilo de vida.

Mostras itinerantes

O proxecto expositivo que a Deputación de Lugo leva a Ortigueira supón, en definitiva, o arranque dunha nova etapa, que incluirá unha programación de exposicións itinerantes, tanto polos concellos de Lugo, como por aqueloutras localidades ou eventos que sirvan para promocionar e abrir novas oportunidades de comercialización ós artesáns lucenses. A exposición irá acompañada en cada caso de reunións de traballo e actividades paralelas encamiñadas ao fomento de accións de deseño e promoción comercial. A primeira saída terá lugar mañá venres, día 13, coa directiva da Asociación SALA, de ámbito rexional e con sede en Viveiro. A Deputación de Lugo pretende, grazas a esta oportunidade, non só facer visible e posicionar adecuadamente o traballo do CENTRAD, senón tamén promover a cooperación productiva empresarial, o emprego e o deseño como un dos piares básicos para o desenrolo da economía e da sociedade lucense.

Festival de Ortigueira

O Festival de Ortigueira é un referente mundial de folk con unha longa traxectoria e indiscutible repercusión mediática e social. No ano 1978 naceu este evento musical de mans da Escola de Gaitas de Ortigueira e, malia a súa boa acollida, interrompeuse durante un lustro. Xa no ano 2000, dentro desta multitudinaria cita anual, ábrese un novo horizonte musical cara a outro tipo de música que non ten porque ser estritamente celta. Paralelamente ó festival terá lugar unha feira de artesanía, un programa de radio, as exposicións A gaita e as orixes do Festival Celta e Antoloxía do Festival, así como a estrea do documental “DefoI XXI”.