Deputación de Lugo

Deputación e Universidade Menéndez Pelayo impulsan a formación universitaria cun Encontro sobre a figura do VII Conde de Lemos

Imaxe deputación de lugo
Pilar García Porto, Pilar López Martínez, Xosé Luis Barreiro Rivas e Manuela Sáez presentaron un encontro centrado na figura do Conde de Lemos e na importancia de Monforte ó longo da historia García Porto destacou que coa financiación do 100% destas xornadas a institución provincial segue apostando pola inversión en educación malia non ter competencia directa na materiaO Encontro “Política y Sociedad: El VII Conde de Lemos entre Nápoles y Monforte” terá lugar entre os días 12 e 14 de setembro e contará coa presenza de reputados expertos internacionais

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto; a Concelleira monfortina de Cultura, María do Pilar López Martínez; o Director da Universidade Menéndez Pelayo de Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas e Manuela Sáez, Doutora en Historia do Arte e directora deste Encontro, presentaron esta mañá “Política y Sociedad: El VII Conde de Lemos entre Nápoles y Monforte”, xornadas organizadas pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo coa finanzación da Deputación de Lugo, que se celebrarán entre os días 12 e 14 de setembro no Parador de Monforte de Lemos. Estas xornadas serán unha oportunidade única para achegarse á figura deste personaxe dende o punto de vista político e social, así como a outros aspectos históricos e artísticos da súa época.

García Porto quixo destacar que a Deputación de Lugo, que financia ó 100% a organización destas xornadas, “sempre camiña ó lado da educación, porque entendemos que esta nunca é un gasto, senón unha inversión imprescindible para xerar futuro, máis que nunca nestes tempos de dificultade económica”. Nesta liña, a Deputada de Economía lembrou que a institución provincial continúa deste xeito co compromiso que vén mantendo dende hai anos coa educación universitaria, a pesares de non ter competencia directa nesta materia, como por exemplo coa ampliación e modernización do Campus de Lugo cun investimento de 7 millóns de euros; a dotación dunha nova sede máis ampla e funcional para a UNED; a posta en marcha da única Escola de Imaxe e Son pública e con matrícula gratuíta da provincia; a posta en marcha doutras 70 bolsas de emprego dirixidas a mozos lucenses titulados co fin de favorecer a inserción laboral, etc. “En tempos de dificultade económica é tan importante aforrar como investir, apostar polo crecemento e blindar as políticas sociais”, subliñou.

Tres días de actividades

A Universidade Internacional Menéndez Pelayo é a organizadora de “Política y Sociedad: El VII Conde de Lemos entre Nápoles y Monforte”, xornadas dirixidas a todo aquel que teña interese por descubrir a figura deste galego universal, que chegou a ostentar o título de Virrei de Nápoles, e que xogou un papel fundamental como mecenas dos máis destacados artistas do Século de Ouro, coma Góngora, Quevedo ou Cervantes, cos que mantivo ademais unha estreita relación. A importancia para a historia de Galicia e España deste noble é indubidable, tal e como destacaron Manuela Sáez e Xosé Luis Barreiro Rivas, quen ademais quixo poñer en valor a importancia que no pasado tivo a Cidade do Cabe e que está a recuperar na actualidade.

As actividades darán comezo o mércores, día 12 de setembro, ás 10:00 horas e continuarán ata as 11:00 do venres 14 en horario de mañá e tarde. Os interesados en asistir poderán matricularse ata o 12 de agosto na páxina web da UIMP. O prezo desta matrícula é de 129 euros, se ben os alumnos das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo gozarán dunha redución dun 50% no prezo. Para estes, a carga das citadas xornadas será de 20 horas, que terán recoñecemento como créditos de libre configuración.