Deputación de Lugo

A Deputación potencia a produción ecolóxica na provincia con accións formativas das que se benefician unhas 1.300 persoas

Imaxe deputación de lugo
O organismo lugués termina mañá un ciclo de xornadas sobre hortofruticultura sostible para profesionais e escolares, e en setembro arrancará o Plan Integral Agropecuario Forestal co fin de promover a creación de un mínimo de 15 empresas ecolóxicasA institución provincial impulsa tamén este sector, que conta con 163 produtores e factura 9 millóns de euros ó ano en Lugo, a través da súa plataforma de comercio electrónico e da marca Lugo Sabe, das que forman parte 6 firmas que comercializan produtos ecolóxicos

A Deputación de Lugo ten previstas ou en marcha accións formativas encamiñadas a potenciar a produción ecolóxica na provincia das que se beneficiarán unhas 1.300 persoas. O organismo provincial mantén unha aposta firme por este sector como unha oportunidade económica sólida para Lugo, tendo en conta a súa evolución nos últimos anos e o seu potencial de crecemento. De feito, Lugo, con 163 produtores -84 dedicados á produción animal e 79, á vexetal-, é a provincia galega cun maior volume de negocio neste sector, achegándose ós 9 millóns de euros ó ano, dos 21,89 facturados no conxunto de Galicia. En canto á superficie, Lugo é a segunda provincia, con 6.491,86 hectáreas. Esta actividade dá emprego a unhas 2.500 persoas na comunidade galega, na que o número de operadores pasou dos 11 rexistrados no ano 1997 ós 586 de 2011, o que supón un incremento de preto do 100%.

Consciente da capacidade deste sector para xerar riqueza e emprego no rural, fixar poboación e mesmo combater os incendios e a contaminación da auga, así como do apoio que necesita por parte das institucións -algo recoñecido polo propio Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (CRAEGA)-, a Deputación leva a cabo diversas estratexias en favor do desenvolvemento da produción ecolóxica e sostible, tales como un programa de xornadas en torno a hortofruticultura, dirixido a 400 profesionais e escolares, que conclúe mañá mércores na Fonsagrada; o Plan Integral Agropecuario Forestal, que formará a 900 persoas a partir de setembro; e a plataforma de comercio electrónico http://www.losproductosdelugo.com/ e a marca Lugo Sabe.

Técnicas ecolóxicas, de primeira man no Valadouro

As xornadas de hortofruticultura, que forman parte do proxecto de economía medioambiental Lug02, financiado ó 70% por fondos europeos, ten dous eixos: un para profesionais –agricultores e gandeiros- e outro para escolares. En canto ó primeiro, tras celebrarse catro sesións teóricas nos Concellos do Courel, A Fonsagrada, Vilalba e Cervantes, este martes tivo lugar no Valadouro unha última sesión, totalmente práctica, na que unha vintena de persoas coñeceron de primeira man nunha explotación ecolóxica as prácticas máis recentes que se están desenvolvendo en canto a produción sostible de produtos da horta e de froiteiras (plantación, abonado, poda, rega, recollida e conservación, entre outras), así como o aforro de recursos que supoñen e a calidade dos cultivos obtidos. As explicacións correron a cargo de Edmundo Maseda Maseda, un produtor valadourense que leva dez anos cultivando en réxime ecolóxico.

Polo que respecta ás xornadas especificamente dirixidas ós máis pequenos, consisten en actividades didácticas durante as que dous técnicos en hortofruticultura explican ós nenos de maneira sinxela e amena, e co apoio de material ilustrativo, a importancia de facer un bo uso dos recursos, sobre todo no referente á produción e consumo de produtos alimentarios. Os rapaces reciben ademais un DVD con contidos interactivos que lles permitirán coñecer a fondo as prácticas, características e beneficios da agricultura sostible. Estas xornadas xa tiveron lugar nos colexios San Xoán de Becerreá, Castroverde e Poeta Uxío Novoneira do Courel, e conclúen mañá mércores no CEIP Santa María da Fonsagrada.

Pola creación de empresas

Por outra banda, como estratexia de impulso á produción biolóxica, a Deputación arrancará en setembro o Plan Integral Agropecuario Forestal, unha ambiciosa iniciativa dotada con 1 millón de euros de orzamento que permitirá que 900 persoas reciban, de xeito gratuíto, formación principalmente práctica para a creación de novas empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxicas, así como ó aproveitamento forestal sostible. O proxecto, que forma parte tamén de Lug02, márcase como obxectivo a creación dun mínimo de 15 novas empresas.

A Deputación impulsa tamén o sector da produción ecolóxica a través da súa plataforma de comercio electrónico http://www.losproductosdelugo.com/ e da marca Lugo Sabe, dúas iniciativas impulsadas con fondos europeos co obxectivo de poñer en valor os produtos autóctonos e abrirlles novas canles de produción para mellorar a produtividade e competitividade das empresas lucenses. De ámbolos dous proxectos forman parte 6 firmas que comercializan produtos ecolóxicos: Caurelor, Terras de Líncora, Produtos da Ribeira Sacra, Galletas da Veiga, As Fadegas e Hortalizas Ecolóxicas María del Mar Maseda Iglesias.