Deputación de Lugo

Presentada a quinta edición de Equigal, Salón do Cabalo de Galicia

Hoxe tivo lugar na Deputación Provincial de Lugo a presentación da quinta edición de Equigal 2012, Salón do Cabalo de Galicia, un evento que xira arredor do mundo do cabalo. Na rolda de prensa interviñeron Juan José Díaz Valiño, delegado de Cooperación e Asistencia aos Municipios da Deputación Provincial de Lugo, Eduardo Núñez-Torrón, presidente executivo da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, así coma Rubén López, Director Xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Intervencións

Abriu o acto Juan José Díaz Valiño felicitando ao Pazo de Feiras e Congresos pola intensa actividade dos últimos meses, as cales “son un ben para Lugo e para a provincia, polo que hai que felicitar e apoiar a iniciativa dos seus responsables”. Deste xeito, Valiño confirmou o apoio do ente para Equigal en 18.000 euros: “A Deputación involúcrase porque é unha interesante actuación de grande interese económico, social turístico e de lecer”.

Tamén manifestou o compromiso co certame apoiándose nos bos datos de asistencia de público, que sempre foi en aumento ao longo das catro primeiras edicións: 7.000 visitantes en 2008, en 2009, 15.000, en 2010, arredor de 14.000 e en 2011, máis de 15.000.

Unha feira sectorial que ademais da boa acollida entre o público tamén é de enorme importancia para o sector equino galego. Conta este con moitas asociación ao longo da provincia e son moitas as feiras gandeiras organizadas por concellos que contan coa presencia de cabalos. Valiño incidiu no importante mercado equino en Galicia e resaltou que “dúas das tres feiras galegas arredor do mundo do cabalo máis importantes, e declaradas de interese turístico, están na provincia de Lugo: a de Mondoñedo e a de Viveiro.”

Finalmente, Valiño tamén fixo referencia á importancia da raza autóctona galega, o Cabalo de Pura Raza Galega, esencial para a preservación dos montes, onde se cría en liberdade, e onde contribúe decisivamente a evitar a propagación de incendios.

Por todo isto, Equigal resalta como a feira máis importante das que celebran os recintos galegos arredor do cabalo.

Pola súa banda, Eduardo Núñez-Torrón, agradeceu o apoio manifestado polo representante da Deputación, así como o decisivo apoio económico da mesma, e recoñeceu e resaltou o esforzo do equipo da Fundación Feiras á hora de organizar esta quinta edición de Equigal, dados os tempos de crise que se viven.

Do mesmo xeito, agradeceu e resaltou o apoio das principais asociacións implicadas na organización: a Asociación de Criadores de Caballos Españoles de Galicia (ACCEGA), a Asociación Gallega de Criadores de Pura Raza Española (AGACPRE), a Asociación Española de Criadores de Caballos Árabes (AECCA), e a Asociación Pura Raza Caballo Galego.

Finalmente Torrón confiou “en que esta feira, xa consolidada siga indo in crescendo tanto no número de participantes como de público asistente.

Rubén López pechou o acto cun discurso máis técnico informando do aumento do número de participantes no evento: de 40 ganderías en 2011 pásase a máis de 60 este ano, e se o ano pasado non se alcanzaron os 100 exemplares equinos, nesta quinta edición superaremos los 15o, entre cabalos e eguas. En concreto, 111 inscritos en Pura Raza Española (PRE), 20 en Pura Raza Árabe, e uns 30 fora de concurso, destinados á exhibición e venta.

López resaltou Equigal coma a única feira hoxe de cabalos de Galicia no ámbito dos concursos morfolóxicos. Destacou as actividades lúdicas que protagonizarán a tarde-noite do sábado e o domingo (ver programa adxunto). Sobre todo o relativo á doma clásica con PRE e Pura Raza Galega, sen esquecer o espectáculo con cabalos e nenos a cargo de Hípica Amazonas ou o de Enganches e Carruseis.

Do mesmo xeito fixo fincapé na primeira edición en Equigal da proba do Concurso Morfolóxico Nacional de Pura Raza Árabe. Un concurso que foi un dos principais motivos para cambiar as datas de Equigal de setembro (as catro primeiras edicións) a o actual mes de xuño, xa que os concursos de Árabe rematan o 30 de agosto.

López considerou “moi positivo o cambio de datas, xa que aumentou o número de participantes, de gandarías e exemplares equinos, e ademais incluímos outra proba importante dentro do certame, o de Árabe.”

Finalmente incidiu en que “sen o apoio da Deputación Provincial hoxe non sería posible a celebración desta quinta edición de Equigal, e Lugo non sería a capital do cabalo de Galicia”

Equigal 2012, Salón do Cabalo de Galicia, II Memorial Manuel Dopico

O Salón do Cabalo de Galicia – Equigal 2012 celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 8 ao 10 de xuño de 2012. O Salón acollerá as máis diversas modalidades hípicas nas súas diferentes vertentes así como o emerxente mercado equino de Galicia. En total serán sesenta as gandarías equinas participantes e máis de 150 o número de exemplares, entre cabalos e eguas de distintas razas.

A maioría das ganderías participantes en Equigal 2012 son galegas, polo que a organización agradece e recoñece o enorme esforzo das mesmas na súa participación nesta quinta edición de Equigal.

En Equigal terá lugar unha ampla gama de actividades e espazos arredor do mundo do cabalo. Os mellores animais das diferentes razas criadas en Galicia daranse cita en en Lugo nun Pazo de Feiras e Congresos que dispón para Equigal de 10.000 m2

Organización e patrocinadores

Equigal 2012 é un evento organizado pola Fundación Feiras e Exposicións e pola Deputación Provincial de Lugo, tamén principal entidade patrocinadora.

Conta ademais co apoio do Concello de Lugo, a Fundación Rof Codina, Coca Cola, Caixa Rural Galega e Piensos Equicor.

Do mesmo xeito, colaboran na organización as asociacións: Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), Asociación Nacional de Criadores de Cabalos Españois (ANCCE), Asociación Galega de Criadores de Pura Raza Española (AGACPRE), a Asociación Española de Criadores de Caballos Árabes (AECCA), a Asociación Pura Raza Cabalo Galego, o Club Hípico Equigal e a Asociación Deportiva Lucense de Doma.

ENTRADA GRATUÍTA
HORARIOS:
Venres 8: 10:00 a 20:30
Sábado 9: 10:00 a 22:30
Domingo 10: 10:00 a 20:30