Deputación de Lugo

Besteiro logra que a Xunta rectifique, elaborando un novo protocolo coas Deputacións tras as irregularidades xurídicas advertidas

O Presidente presenta unha nova proposta, conseguindo que se modifique o tocante ó financiamento dos Servizos Sociais, que os Grumir sigan sendo responsabilidade autonómica e que se aborden o sector primario e a demografía, cuestións das que non había ningunha liñaGómez Besteiro agradeceu as modificacións introducidas xa que o anterior infrinxía a lei e discriminaba problemas de gran calado para Lugo e GaliciaO titular provincial cumpre co seu compromiso e trasládalle a Núñez Feijóo a urxencia de dar solucións para os 2.000 empregos de Alcoa San Cibrao

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, logrou que a Xunta de Galicia rectificase e elaborase un novo protocolo de colaboración permanente coas Deputación galegas. Fixóo durante a reunión que mantivo hoxe co titular galego, Alberto Núñez Feijóo, previamente á sinatura do protocolo que estaba previsto pechar este mesmo mércores cos mandatarios provinciais.

Xa hai unha semana, a Deputación advertía de irregularidades xurídicas neste documento, notificándollas por escrito ó Goberno galego mediante o envío dun detallado informe sobre o que a institución luguesa non recibiu ningunha contraproposta. É máis, ó día seguinte de enviar á Xunta o informe, o Goberno autonómico informouno favorablemente no Consello autonómico. Buscando de novo o consenso e antes de ter que marcha da sinatura do protocolo, Gómez Besteiro entregou un borrador xeral para buscar a unanimidade que agora si foi recollido no documento asinado.

Deste xeito, sobre a marcha, o que provocou un retraso dunha hora a sinatura do convenio, modificáronse asuntos como: o financiamento dos Servizos Sociais que agora se axustan á Lei e non o Decreto que impuxo a Xunta; os Grumir seguirán sendo de responsabilidade autonómica; foron eliminadas as referencias ós Concellos menores de 15.000 habitantes para axustarse ó marcado pola Lei: 20.000 habitantes; e abórdanse asuntos estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico da Comunidade como o sector primario ou a demografía, ambas as dúas cuestións introducidas polo Presidente lugués.

Gómez Besteiro agradeceu as modificacións realizadas porque agora si se abordan os asuntos que preocupan á provincia e á Galicia. O titular provincial salientou que estaba moi interesado en que se asinen canto antes os convenios de colaboración posteriores a este protocolo xa que “é o modo de levalo á práctica, con financiamento concreto”.

Os motivos de que a institución luguesa se negara a asinar dende o primeiro momento o borrador do protocolo eran, fundamentalmente, que non se axustaba a lei e que era un cheque en branco co que a Xunta pretendía pasar as súas cargas financeiras ós lucenses xa que obrigaba ás Deputación a asumir os seus deberes pero sen transferencias económicas. Ademais, non trataba temas como a agricultura, a gandeiría ou a crise demográfica.

Solucións para Alcoa

Minutos antes da sinatura do convenio, Gómez Besteiro logrou que Núñez Fejióo o recibise uns minutos. Para elo, tiveron que pasar case tres anos nos que o Presidente da Deputación de Lugo lle remitiu ata nove solicitudes por escrito ó seu homólogo galego. O titular provincial aproveitou esta ocasión para entregarlle ó mandatario autonómico un detallado dossier cos trece puntos pendentes coa provincia de Lugo de maior urxencia, así como os acordos plenarios respectivos. O titular provincial trasladoulle de novo a Feijóo que unha das máximas preocupacións da Deputación de Lugo é a situación que atravesa Alcoa polo que lle transmitiu a necesidade de que Xunta e Goberno Central negocien unha tarifa eléctrica que permita a supervivencia da factoría e o mantemento de máis de 2.000 empregos directos e indirectos. Asi mesmo, tamén lle reclamou que poña en marcha as obras de construción do gaseoducto que o propio Presidente autonómico prometeu para San Cibrao e que nunca iniciou malia que este sistema permitiría á fábrica reducir os seus custes de produción nun 20% ó substituir o fuel polo gas natural, ademais das emisión de CO2. Gómez Besteiro cumpriu, deste xeito, co compromiso adquirido onte cos traballadores da factoría cervense e das súas empresas auxiliares logo da reunión que mantivo co Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao e de falar telefónicamente do Presidente de Alcoa España, José Camino de Miguel.

Servizos sanitarios e educativos

O titular provincial reiteroulle a Feijóo o seu ánimo de solucionar problemas e ir da man en proxectos que está a financiar a Deputación de Lugo, que son motores de emprego, e para os que só se lle pediu ó Presidente galego o mesmo trato que lle está a dar ás empresas privadas. Por exemplo, que concerte prazas de residencias e centros de día na rede que vai construír a Deputación luguesa xunto ós Concellos de todas as cores políticas. Xa que o Goberno autonómico non considera, textualmente, “nin prioritario nin necesario” facer estas residencias, a institución luguesa asume o financiamento de 15 millóns de euros pero solicita a mesma concertación de prazas que a Xunta fai co sector privado. Hai que ter en conta que a crise demográfica é o maior problema ó que se enfronta Galicia. Besteiro reclamoulle á Feijóo coñecer os plans para evitar o desmantelamento dos servizos sanitarios e educativos na provincia como: cando se vai cumprir o compromiso da Xunta na antiga residencia de Lugo ou no antigo hospital de Castro de Rei; cando se vai dotar ós hospitais da provincia de Radioterapia e Hemodinámica –hoxe os veciños teñen que ir á Coruña-. Ademais, pediulle que recapacitase sobre a eliminación do programa Preescolar na Casa.

O Presidente lugués tamén quixo saber cando se cumprirán os compromisos de infraestuturas pendentes como: o desdobramento do corredor da Costa, cunha especial atención ós veciños da zona de Magazos, ou do corredor Nadela-Sarria. Outros asuntos foron a creación da Autoridade Portuaria en Lugo, a declaración dos Camiños de Inverno e do Mar como ruta xacobeas ou a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.