Deputación de Lugo

A Deputación súmase ó apagón simbólico organizado polos traballadores de Alcoa en apoio da factoría e de toda a Mariña

O ente provincial apagará o seu alumeado entre as 21:30 e as 21:45 horas deste xoves sumándose a unha iniciativa da plantilla de Alcoa para a que reclaman implicación de cidadáns e administraciónsA Deputación está implicada en atopar solucións para o futuro da factoría nun momento no que Goberno central e Xunta seguen sen despexar se contará cunha tarifa eléctrica reducida que asegure a súa pervivencia

A Deputación de Lugo continúa coas mostras de apoio á continuidade de Alcoa confirmando que se sumará ó apagón eléctrico que os traballadores da planta de San Cibrao teñen organizado para este xoves. Un acto de protesta no que animan a participar a administracións e cidadáns mediante o apagado de todas as luces de edificios públicos e vivendas durante quince minutos na noite deste xoves, concretamente entre as 21:30 e as 21:45 horas. Será un xesto simbólico que ilustre o que pode ocorrer coa planta de San Cibrao se non se despexan a incertezas sobre o seu futuro, en mans do Goberno central e da Xunta.

Este apagón forma parte dos actos de mobilización organizados polos traballadores de planta, os cales reclaman unha redución da tarifa eléctrica que asegure a pervivencia de Alcoa. Precisamente a multinacional vén de anunciar que o 5 de outubro é a data límite para coñecer cal será o prezo da enerxía eléctrica en España, afirmando que “tomaría decisións” no caso de que o Goberno Central e Xunta non despexen este extremo e continúen retrasando a Reforma Enerxética. O mes de outubro é clave para a planta, xa que é o mes no que se planifica a produción do vindeiro ano e se negocian os contratos cos clientes.

A Deputación, involucrada con Alcoa

A Deputación de Lugo está volcada dende o principio en atopar saídas á grave situación que está a atravesar a factoría mariñana. No pasado mes de xuño, o Goberno provincial aprobaba en Xunta de Goberno unha declaración institucional esixindo á Xunta e ó Goberno central un trato preferente para Alcoa. O día 19 dese mismo mes, Gómez Besteiro mantiña un encontro cos traballadoresde Alcoa San Cibrao e das súas empresas auxiliares durante o que lles trasladaba o apoio da Deputación. Só un día despois, en cumprimento da palabra dada e aproveitando a sinatura dun protocolo de colaboración entre a Xunta e as Deputacións, o Presidente lugués comunicáballe persoalmente a Núñez Feijóo a preocupación do goberno provincial polo futuro dos seus 2.000 traballadores e reiterándolle a necesidade de que o Goberno galego actúe dun xeito decisivo.

Xa no mes de xullo, Gómez Besteiro participou na manifestación convocada polos traballadores de Alcoa na Mariña para, á semana seguinte, manter un encontro co Presidente de Alcoa España, co que se entrevistou a petición propia na sede da multinacional en Madrid. Durante esta reunión, Gómez Besteiro púxose a súa disposición para facer todo o posible para desbloquear a situación de incerteza na que se atopa o futuro da factoría.

Precisamente onte, durante un encontro que o Presidente provincial mantivo en Viveiro cos presidentes de todas as confrarías pesqueiras e agrupacións de mariscadoras da Mariña, este volveu a insistir en que a situación é dramática, xa que se non se resolven as condicións da futura produción da planta, esta deixará de recibir pedidos. “Alcoa de San Cibrao é unha das tres factorías máis produtivas do mundo, polo que é incomprensible que sigamos nesta situación”.