Deputación de Lugo

Ex alumnos da Escola de Imaxe e Son participan na nova curta de Amanita Films, rodada íntegramente en Sober

Forman parte da trintena de profesionais que traballan no thriller de terror Deil, novo proxecto no que está inmersa a productora do monfortino Iván Patiño, que inicia a fase de postprodución tras cinco días de intensa rodaxe na parroquia de Vilaescura, en SoberOs titulados en Imaxe e Son da TIC xa participaron noutros proxectos cinematográficos realizados na provincia como a curta Triste Soledad de un violinista ou o documental Hitler, Garbo... e Araceli, así como na realización de material audiovisual para o sector empresarial

Dúas ex alumnas da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, Lara Quiñoa e Verónica Fernández, forman parte do equipo de profesionais que traballan en Deil, a nova curtametraxe de terror no que está inmersa a productora do monfortino Iván Patiño Amanita Films. O equipo, integrado por unha trintena de profesionais de toda Galicia, Asturias e Madrid, iniciou esta semana os traballos de postproducción da cinta tras finalizar a pasada semana con éxito a súa rodaxe, que se desenvolveu entre o 15 e o 19 de outubro, e que tivo como escenario un caserío da parroquia de Vilaescura, en Sober.

Para as antigas alumnas da Escola, a única da provincia de Lugo que imparte ensinanzas no eido do audiovisual, participar neste proxecto está a ser unha experiencia moi satisfactoria da que, segundo apuntou durante a filmación Lara Quiñoa, “é un luxo compartir traballo con grandes profesionais como os que hai aquí e dos que se saca o mellor de cada un”. Pola súa banda, o productor e responsable de Amanita Films, Iván Patiño, quixo agradecer a colaboración coa que sempre conta desde a Fundación TIC, e destacou a implicación no traballo das tituladas da Escola, “porque ademáis de estar moi ben formadas demostran unas ganas infinitas de aprender e para min iso é o importante”.

O filme Deil, que dá nome ó enigmático personaxe principal, está dirixido polo cineasta asturiano David Rodríguez e supón unha aposta polo xénero de intriga da productora lucense, que espera que esta obra cale en diversos países, especialmente en Estados Unidos.

Outras destacadas participacións

Os titulados e alumnos da Fundación TIC, que depende da Deputación de Lugo, veñen participando dende hai tempo noutros destacados proxectos cinematográficos da provincia, o que contribúe á súa inserción laboral. O máis recente é a curta do director sarrián Roberto Lolo, Triste soledad de un violinista, estreada en marzo no Pazo de San Marcos. Ademáis destaca a participación de antigos estudantes no documental Hitler, Garbo... e Araceli, do director Xosé de Cora. Tamén se estimula a relación da EIS co sector empresarial mediante convenios de prácticas, bolsas e diversas colaboracións. Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e ten asinados 118 convenios de colaboración con diversas entidades de Lugo.