Deputación de Lugo

Esgotadas as 50 prazas do plan co que a Deputación fai auditorías e asesora gratis ás PEMES para incorporar melloras tecnolóxicas

Imaxe deputación de lugo
O Plan de Dinamización do Uso da TIC nas PEMES é un éxito de participación, pois superouse a cota máxima de vacantes e hai lista de esperaO sector alimentario e o hoteleiro son os maioritarios entre as empresas adheridas, seguidos da restauración, o comercio e os servizos de lecerA través deste programa, cofinanciado nun 89% polo Ministerio de Industria, o organismo lugués orienta ás firmas na implantación de medidas como a factura electrónica, venda por Internet, publicidade na Rede ou banca electrónica

O proxecto a través do que a Deputación fai auditorías e asesora gratis ás PEMES da provincia para que impulsen os seus negocios coas novas tecnoloxías é un éxito de participación, pois xa se esgotaron as 50 prazas previstas, e hai tres firmas en lista de espera. O Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES, financiado nun 89% polo Ministerio de Industria, potencia o uso das novas tecnoloxías nas empresas para que sexan máis competitivas, melloren a súa produtividade, reduzan custes e xeren emprego. Dos 108.000 euros de orzamento, a Deputación achega 12.000 e Industria os 96.000 restantes.
Grazas a este proxecto, enmarcado na aposta da Deputación polas PEMES e os autónomos, a institución luguesa ofrece, de xeito totalmente gratuíto para as firmas participantes, dous servizos:

Por un lado, fai auditorías ás empresas para avaliar cal é o seu grao de incorporación ás novas tecnoloxías, e logo determinar as melloras que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio. Trátase de melloras como a conexión a Internet de banda longa; crear unha páxina web; implantar a factura electrónica, que reduce custes e tempo; a venda por Internet, que abre novos mercados por todo o mundo; facer publicidade na Rede, para aumentar as vendas, pero tamén fidelizar clientes; ou optar polas operacións bancarias a través da Rede (a banca electrónica) para axilizar pagos e cobros.

Por outro lado, a Deputación ofrecerá ós empresarios asesoramento técnico personalizado, tamén a custe cero, tanto para elixir as mellores e máis convenientes ferramentas tecnolóxicas, como durante o proceso de incorporación das mesmas. Esta fase prevé arrancala a semana que vén.

Asumindo estes servizos -as auditorías e o asesoramento técnico- a Deputación aforra de media a cada empresa uns 2.500 euros, que é o que terían que pagar se tivesen que contratar a nivel particular estas prestacións. As empresas adheridas pertencen maioritariamente ó sectores alimentario e hoteleiro (en concreto representan o 80% das empresas adheridas), seguidos da restauración, o comercio e os servizos de ocio.

Por debaixo da media

A Deputación decidiu impulsar esta iniciativa porque, a pesar das vantaxes competitivas que levan consigo as novas tecnoloxías nas empresas, o seu uso nas firmas galegas de menos de 10 empregados -a gran maioría en Lugo- está por debaixo da media do Estado, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). Dous exemplos: O 40% destas firmas non teñen conexión a Internet e preto do 75% non contan con páxina web, catro puntos por debaixo da media estatal.

Comercio electrónico e formación

As auditorías e asesoramento tecnolóxico gratuíto súmase a outras iniciativas que a Deputación ten emprendido para que as empresas lucenses aproveiten as vantaxes competitivas que supón utilizar as novas tecnoloxías. Deste xeito, puxo en marcha con fondos europeos a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com na que a día de hoxe 50 empresas da provincia venden 200 produtos e servizos, e está a impartir un centenar de cursos con capacidade para 1.500 persoas nos que mostra como sacarlle o máximo partido ás TIC, tanto na vida persoal, como para atopar traballo ou impulsar un negocio.