Arrinca a fin de semana solidaria organizada polos bombeiros de Barreiros coa disputa dun maratón de fútbol sala
Os profesionais que prestan servizos no Parque de Bombeiros de Barreiros, complexo posto en marcha polo Consorcio Provincial integrado por Deputación de Lugo e Xunta de Galicia teñen todo preparado para dar comezo ó maratón de fútbol sala que se disputará esta fin de semana no Pavillón Torques de Marzán, de Foz. Equipos formados por bombeiros dos parques de Barreiros, Vilaba e Lugo; Gardas Civís, Policías Locais, así como persoal de Protección Civil e do servizo de emerxencias do 061 que traballan nos Concellos nos que os bombeiros de Barreiros prestan cobertura Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto-, enfrontaranse cun fin solidario.
Todos os que queiran participar asistindo coma público terán que cumprir un único requisito: presentarse no Pavillón de Marzán con algún alimento, os cales se repartirán entre as familias sen recursos dos citados Concellos a través dos traballadores dos Servizos Sociais municipais, ó seren estes os mellores coñecedores da situación pola que atravesan as familias que requiran á súa axuda.
Deporte e sorteo benéficos
O encontros darán comezo o sábado 15 ás 10:00 horas e prolongaranse durante todo o día. Igualmente, o domingo 16 a xornada tamén dará comezo ás 10:00 horas, aínda que os partidos rematarán ás 16:30 horas. Ese será o momento no que se realizará un sorteo tamén con fins benéficos. Entre os agasallos a sortear hai produtos de todo tipo -roupa (camisetas, bufandas...), complementos (bolsos, xoias...) ou bonos para perruquería-, cedidos ós bombeiros de Barreiros polos comerciantes e establecementos dos mencionados 10 Concellos co obxectivo de colaborar con esta iniciativa que tan boa acollida está colleitando na Mariña e no resto da provincia. As rifas para participar no sorteo terán un prezo de 2 euros e a totalidade dos cartos recadados tamén terá coma destino os Servizos Sociais municipais.
Posteriormente, ás 17:30 horas, disputarase a final da competición tras a que terá lugar, ás 19:30 horas, a tradicional entrega de trofeos ós vencedores por parte das autoridades invitadas.
Demostracións en vivo
Ademais do obxectivo principal desta iniciativa dos bombeiros, que é a solidariedade cos que peor o están a pasar nestes tempos de crise, esta será unha boa ocasión para que os asistentes coñezan máis de preto a importancia do labor que estes profesionais levan a cabo na zona. Para elo e tamén para animar á xente a achegarse ata o pavillón de Marzán, os bombeiros teñen organizada, entre as 11:00 e as 16:00 horas do domingo 16, unha xornada de portas abertas. Detrás do propio pavillón, os asistentes terán a oportunidade de coñecer polo miúdo o servizo que prestan estes profesionais, así como os medios dos que dispoñen para elo. Esta xornadasinclúe un simulacro de excarceración, que se levará a cabo en colaboración do 061.
Entrega de xoguetes no Hospital
Precisamente seis destes bombeiros, en representación do resto dos seus compañeiros estiveron onte pola mañá no Hospital da Costa facendo entrega dos agasallos cedidos solidariamente polos comerciantes dos Concellos de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, Valadouro e Riotorto. Uns 10 nenos e nenas ingresados na Unidade de Pediatría do hospital mariñano esqueceron por unhas horas a súa enfermidade coa ilusión de recibir agasallos nunha xornada marcada pola ledicia dos nenos, das familias e destes profesionais.
Aínda se pode colaborar
Todas as persoas que desexen colaborar con esta causa poden poñerse en contacto cos seus organizadores mediante correo electrónico, en bomberosbarreiros@gmail.com, ou por teléfono, chamando a 605-81-33-74/ 606-80-80-40. Tamén hai un número de conta para facer donativos: Banco Santander 0049-12-2953-2190287441. Esta é a primeira actividade que organizan os bombeiros do Parque Comarcal de Barreiros pero non será a última. O obxectivo destes profesionais é crear unha asociación con fins sociais para seguir impulsando actividades benéficas e axudar a persoas en risco de exclusión social da Mariña.