Deputación de Lugo

A Deputación esixe a Feijóo e Rajoy que paralice a venda de NGB, garantindo empregos e aforros

A Xunta de Goberno aprobou unha declaración institucional coa que o Goberno Provincial demanda á Xunta e ó Executivo Central que garanta o caracter público desta entidade, os aforros dos lucenses con preferentes, as oficinas no rural e os traballos que xera en LugoMartínez subliña que “Feijóo ten que explicar porque agocha o informe sobre Novagalicia Banco cando se pagou con cartos públicos, gastando 1 millón de euros”. Por este motivo, con este texto tamén se demanda que se aclaren as xestión políticas realizadas

A Xunta de Goberno Provincial aprobou este venres unha declaración institucional coa que a Deputación de Lugo esixe a Feijóo e Rajoy que paralicen a venda de Novagalicia Banco co fin de garantir o seu caracter público, os aforro dos lucenses con participacións preferentes, os empregos que esta entidade xera na provincia, e as oficinas de NGB no rural lugués. O organismo provincial demanda ós Presidente da Xunta e o Goberno Central que aclaren, ademais, as xestións políticas realizadas.

O voceiro socialista, Manuel Martínez, remarcou que “antes de chegar Feijóo tiñamos dúas caixas e agora estamos a piques de perder a única entidade pública de capital galego. Isto suporá a destrución de centos de empregos na provincia, a desertización do rural co peche de oficinas e o incremento da inseguridade xa que moitos maiores desprazaranse para retirar de xeito completo as súas pensións e gardalas nas casas. Feijóo ten que explicar porque agocha o informe sobre NGB cando se pagou con cartos públicos, gastando 1 millón de euros”.

Reclamacións

Con esta declaración institucional, o organismo provincial lugués realiza as seguintes reclamacións:

1º.- Instar ó Ministerio de Economía e Competividade a que paralice a venda de NGB e que proceda a converter a esta entidade, dada a súa composición accionarial maioritariamente pública, nunha entidade de crédito de carácter público.

2º.- Solicitar do Ministerio de Economía e Competividade que garanta o aforro dos titulares de participacións preferentes e capital subordinado impedindo unha quita no valor das mesmas.

3º.- Demandar do Ministerio de Economía e Competividade o seu compromiso co emprego en NGB e, xa que logo, a súa oposición a unha redución de plantilla na entidade nos termos que vén de solicitar a Comisión Europea.

4º.- Reclamar do Ministerio de Economía e Competividade o mantemento das oficinas de NGB nos Concellos da Galicia rural e, por conseguinte, a paralización do plano de peche das mesmas a fin de que o proceso de reestruturación financeiro non opere como un factor de desequilibrio territorial.

5º.- Esixir ós Presidentes da Xunta de Galicia e Goberno Central que den explicacións da xestión política levada a cabo con respecto a NovaGalicia Banco, e que den a esta entidade financeira o mesmo trato que o concedido a outras entidades como Bankia, defendendo un marco territorial financeiro galego que garanta a viabilidade de dito Banco.