Deputación de Lugo

20 produtores e artesáns da provincia poñen á venda os seus artigos no 1º mercado de Nadal Merca o teu

Gómez Besteiro inaugurou o certame, que pon en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e a artesanía de Lugo, e contribúe a aumentalas vendas destes pequenos empresarios e autónomos aproveitando o tirón das festas de Nadal O mercado, no que pode atoparse dende embutidos, viño, mel, castañas, queixos, empanadas e conservas de verduras e setas, ata todo tipo de complementos, estará aberto na Praza de San Marcos ata o 5 de xaneiro, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:30 horas Entre as persoas que compren algún artigo cun prezo superior ós 3 euros sortearase unha cesta de produtos autóctonos, e a caseta do mercado mellor decorada recibirá un premio de 400 euros. Para os máis pequenos haberá actividades lúdicas sobre Terras do Miño

Vinte produtores e artesáns da provincia poñen á venda os seus artigos no 1º mercado de Nadal Merca o teu, organizado pola Deputación na Praza de San Marcos co obxectivo de poñer en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e a artesanía de Lugo, e aumentalas vendas destes pequenos empresarios e autónomos aproveitando o tirón destas festas. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou o certame nun acto que incluíu a actuación do coro lugués Cantar Delas. Gómez Besteiro animou ós lucenses a facer un “consumo intelixente, aquel que prima o noso e ademais exalta a autoestima vinculada á calidade dos produtos da provincia de Lugo”.

O Presidente agradeceu tamén a participación de Cantar Delas, o único coro de voces brancas da provincia e un dos 50 colectivos cos que a Fundación TIC ten asinado un convenio de colaboración para a difusión das súas actividades. No marco deste acordo, bolseiros e profesionais da TIC gravaron o Concerto de Outono que Cantar Delas e a Polifónica do Hospital Xeral-Calde ofreceron na igrexa de San Pedro de Lugo en novembro.

Para a celebración de Merca o teu instaláronse 14 casetas de madeira en San Marcos, cunha ornamentación de Nadal, na que poden atoparse desde embutidos, viño, mel, fabas, castañas, queixos, pan, empanadas, biscoitos e conservas de verduras e setas silvestres, ata todo tipo de complementos, ben sexan xoias, artigos de coiro e téxtiles... Estes produtos son de pequenas empresas e autónomos dos territorios incluídos nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares, pois o certame está cofinanciado polo Ministerio de Medio Ambiente a través dun convenio de colaboración que mantén coa Deputación para impulsar a actividade socieconómica destes espazos protexidos.

Unha das casetas está destinada a ofrecer información ó público asistente sobre o propio mercado, así como a difundir os recursos da provincia, mentres que noutro dos stands haberá demostracións de oficios tradicionais, como o de ferreiro, canteiro ou cesteiro, entre outros.

Xunto á venda de produtos e artigos, e ás demostracións de oficios tradicionais, na Praza de San Marcos sitúase unha jaima na que os máis pequenos poden gozar de actividades didácticas gratuítas, nas que coñecerán dun xeito ameno e divertido as características da fauna e a flora de Terras do Miño, coincidindo coa declaración deste valioso espazo natural como Reserva da Biosfera por parte da UNESCO.

Por outra banda, a caseta mellor decorada recibirá un premio de 400 euros, e entre tódalas persoas que fagan algunha compra superior a 3 euros neste 1º mercado de Nadal lucense sortearase o día 5 de xaneiro, ás 20:00 horas, unha cesta de Nadal, composta por produtos autóctonos.

Música para recadar fondos

No stand de información co que conta o certame atópase á venda o CD con fins solidarios Cantos de Nadal, que recolle 10 temas do compositor e produtor Eloi Caldeiro, e en cuxo proceso de gravación e mesturas participaron alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro público da provincia con ensinanzas da rama audiovisual. Os fondos recadados coa venda do CD –cun prezo de 2 euros por unidade- dedicaranse á compra de agasallos para os nenos máis desfavorecidos da provincia.

Os temas deste traballo discográfico, que conta coa participación de nomes tan destacados da música galega e internacional como os de Rosa Cedrón e Susana Seivane, soarán ademais como música ambiente durante os 15 días de duración do mercado de Nadal.