Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta 'medidas urxentes e xa' que garantan os 300 empregos directos de Cosmos e Sargadelos

O voceiro socialista reclama a Conde que non continúe coa “tendencia feijoniana” e que implique ó Goberno galego, “tras máis de 4 anos de espera”, co tecido empresarial luguésMartínez desmonta ás últimas críticas do PP e acusa a esta formación de “camuflar a súa inexistente xestión” dende os Executivos galego e central, “calumniando” á DeputaciónO Deputado denuncia que Feijóo, “o rei do pago”, debe ós lucenses 4,5 millóns de euros: 2,5 pola xestión de hospitais e 2 para emprego e servizos sociais, que si concedeu ás restantes provincias galegas, amosando que “os sectarios son eles”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, denunciou hoxe a situación de “abandono absoluto” que sofre o tecido empresarial lugués por parte do Goberno galego, a quen demandou “medidas urxentes e xa” logo dos ERE anunciados por Cosmos e Sargadelos co fin de garantir os 300 empregos directos que xeran en Lugo o estas entidades. Martínez, que subliñou estar pendente hoxe de novidades dende o Executivo central que manteñan os 2.000 traballos de Alcoa, acusou o PP de tentar “camuflar a súa inexistente xestión dende a Xunta e o Goberno de España, calumniando e mentindo” sobre a Deputación de Lugo.

Martínez destacou que o Goberno galego, como administración con plenas competencias no eido industrial, “debe actuar xa. De non facelo, Cosmos pechará as súas portas, conlevando a destrución dos 200 postos de traballo directos que xera (75 do cadro da factoría, 80 transportistas e máis dunha vintena das empresas auxiliares), ademais doutros centos de empregos indirectos.

A Deputación defende a viabilidade de Cosmos, a calidade dos seus produtos, derivados das canteiras de Triacastela, consideradas unhas das mellores en Europa, así como o esforzo que están a facer os traballadores desta factoría, propoñendo brutais medidas, como a total mobilidade xeográfica e funcional, ademais da rebaixa dos seus soldos. Por este motivo, a institución provincial reclamou ó Executivo galego, xa no mes de novembro, actuacións que evitasen o desmantelamento de Cosmos. “Feijóo fixo caso omiso ás nosas demandas e ás dos centos de lucenses que reclamamos nas rúas a colaboración da Xunta. O resultado: un ERE que afecta a 60 traballadores, é dicir, ó 80% do plantel, que se van á rúa”.

Ante esta situación, Martínez subliñou que “a Xunta e, concretamente o Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o único lucense que forma parte do Goberno galego, non pode seguir obviando a nosa provincia como fai Feijóo, quen ata chegou a desprazarse a Brasil sen aproveitar unha das súas múltiples viaxas ó exterior para negociar coa propietaria de Cosmos –Votorantim- o futuro do motor económico da comarca de Sarria e da única factoría de cementos en Galicia, facendo co seu futuro sexa tamén o de todo un sector na Comunidade”. O Deputado reclamou a Feijóo e Conde a “implicación inmediata para impulsar factores produtivos que poñan fin a estas decisión empresariais, que están a poñer fin ó emprego nesta provincia”.

Sargadelos

Martínez tamén esixiu ó Presidente da Xunta e ó Conselleiro de Economía e Industria “non seguir mantendo no olvido a Sargadelos, outros dos motores da economía luguesa, concretamente da Mariña, así como referente económico, social e cultural de Galicia”. Neste senso, lembrou que dende 2009, “é dicir, dende que Feijóo está na Xunta”, destruíronse máis dunha trintena de empregos en Sargadelos, ó tempo que os traballadores desta empresa sufriron recortes nas súas xornadas laborais.

Agora, Sargadelos vai a parar a súa produción durante 210 días, afectando ó 90% do persoal, é dicir, a 81 traballadores, que na súa maioría son mulleres, un dos sectores máis desfavorecidos a hora de atopar emprego. “De seguir a tendencia feijoniana, de non poñer en marcha medidas inmediatas que promovan as vendas nesta ceramista, símbolo de identidade galega, destruiranse, finalmente, os 92 traballos directos que xera na actualidade”, apuntou. Por todo o isto, sentenciou o voceiro socialista, “a Deputación de Lugo reclama a Feijóo e a Conde medidas urxentes e dunha vez por todas que combatan a grave crise que está a padecer o tecido empresarial lugués. Os lugueses non podemos esperar máis tempo, levamos máis de 4 anos facéndoo e necesitamos implicación xa da administración galega con competencias plenas na materia: a Xunta de Galicia”.

Pendente dos 2.000 empregos de Alcoa

Martínez destacou que hoxe a institución provincial está “moi pendente” do que suceda no último Consello de Ministros deste ano no que debería aprobarse a publicación no Boletín Oficial do Estado a orde ministerial que regule o concepto de interrumpibilidade para as grandes empresas consumidoras de enerxía. “É dicir, a solución para que Alcoa poida seguir coa súa actividade na Mariña, garantindo 2.000 empregos na provincia. Esperamos que isto se produza xa que o Partido Popular leva meses ignorando, tamén neste asunto, as reclamacións dos lucenses”.

“Calumnias para ocultar a inexistente xestión”

O voceiro socialista denunciou que ante a grave situación do tecido empresarial lugués e a posible destrución de miles de empregos na provincia, “o Partido Popular, que dirixe Xunta e Goberno Central, opta por ocultar a súa inexistente xestión en Lugo, calumniando e mentindo sobre a Deputación luguesa ou algunha persoa desta institución”. Neste senso, Martínez deu “suficientes argumentos para deixan polo chan” as críticas dos populares, preguntándose “pode considerarse sectario:

- a posta en marcha dos parques de bombeiros de Barreiros, Chantada, Viveiro, Vilalba, Sarria e Monforte, que prestan cobertura en 50 Concellos.

- O Innova-TE que implantou a administración electrónica e levou as novas tecnoloxías ademais da Rede ós Consistorios de 49 municipios, ós que lles aforramos máis de 500.000 euros, asumindo todos os custes. Malia que ofertamos esta programación a todas as entidades locais, 17 municipio do Partido Popular rexeitárona (Alfoz, Antas de Ulla, Barreiros, Bóveda, Cospeito, Folgoso do Courel, Ourol, Outeiro de Rei, Guntín, Pantón, O Saviñao, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Xermade e Xove).

- As auditorías enerxéticas que, a custe cero, ofertamos a todos os Concellos para reducirlles ata nun 50% as súas facturas enerxéticas. 38 municipios adheríronse a esta innovadora iniciativa mentres 28, todos do PP, a rexeitaron. (Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castro de Rei, Cervo, Chantada, O Corgo, Folgoso do Courel, Foz, Lourenzá, Muras, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Paradela, O Páramo, Ribeira de Piquín, O Saviñao, Taboada, Triacastela, O Valadouro, Vilalba, Xermade e Cospeito).

- O canon hidroeléctrico que puxo fin a esta débeda histórica nos 16 Concellos con produción hidroeléctrica e de todas as cores políticas mediante obras e servizos, acordados cos Alcaldes, por valor de 15 millóns de euros, financiado ó 100% pola Deputación. (Chantada, O Saviñao, Taboada, Paradela, Portomarín, O Páramo, Guntín, Carballedo, Pantón, Ribas do Sil, Quiroga, Sober, Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz).

- Ou o Plan de Obras e Servizos que permitirá a execución de 84 obras en case todos os Concellos porque só 6 do Partido Popular o rexeitaron. (Alfoz, Bóveda, Folgoso do Courel, Mondoñedo, Pantón e Trabada) Aínda non pode entender como o PP votou en contra do POS no Pleno, dicindo que era un proxecto sectario e partidista, cando todas as actuacións que inclúe son as propostas polos Alcaldes, polos seus compañeiros de formación. É incongruente”. Neste senso, Martínez tamén lembrou que 1 das 2 únicas obras provinciais que se enmarcan no POS 2012 se realicen en Friol, Concello liderado polo PP, no que a Deputación mellorará prestacións públicas con máis de 200.000 euros, que financia na súa totalidade.

“O Rei do pago”

Tendo en conta o anterior, o voceiro socialista, tamén Alcalde de Becerreá, remarcou que “oxalá a Xunta actuase en todos os Concellos desta provincia como fai a Deputación de Lugo. Fíxense, aínda teñen sen executar o PEIM 2011 pero os carteis si os colocaron antes das eleccións”. Por todo isto, Martínez sentenciou que “o Partido Popular do señor Feijóo, o que presume de ser o Rei do pago, debería adicarse a xestionar, facendo dunha vez por todas algo por esta provincia ou, polo menos, devolver ós lucenses o que lles corresponde: os 2,5 millóns de euros que adebeda pola xestión dos hospitais San José e San Rafael, e que o propio Presidente do Goberno galego acordou, coa ratificación dun convenio, pagar no 2012. Ademais, tamén adebeda a desempregados e familias luguesas outros 2 millóns de euros, que si concedeu ás restantes provinciais galegas, demostrando que os sectarios son eles, para a posta en marcha de políticas activas de emprego e servizos sociais”. Trátase do orzamento dos dous convenios que o Goberno galego ten pendente de asinar con esta institución, enmarcados dentro do protocolo de actuación permanente entre Xunta e Deputación galegas. Neste senso, asegurou que “esperamos o Rei do pago” non actúe cos Hermanos Misioneros a quen, igual que fixo coa Deputación de Lugo cos hospitais provinciais, lles prometeu mediante un convenio o pago de máis de 3 millóns de euros polo Castelo de Pambre en 13 anualidades, de 208.000 euros cada unha. Martínez concluíu asegurando que “o Partido Popular deberíase adicar a xestionar, a traer solucións para esta provincia e a pagar o que é de todos os lucenses en vez de adicarse a manipular para camuflar a súa absoluta desidia”.