Deputación de Lugo

O Alcalde de Guitiriz segue a bloquear a construción do centro de día e residencia pública da Deputación

A institución provincial mantivo hoxe unha segunda reunión co Rexedor para coñecer dunha vez por todas a súa postura sobre este proxecto, sen obter resultado algúnLogo da información errónea transmitida polo Alcalde a algúns veciños, o organismo provincial voltou a demostrar que a dotación social da Deputación inclúe un centro de día con 15 prazas e unha residencia con 26

A Deputación mantivo este xoves unha nova comisión de seguimento e impulso do centro de día e residencia pública de Guitiriz á que convidou ó Alcalde deste municipio, Xosé María Teixido, co fin de que o Rexedor desbloquease dunha vez por todas este proxecto. Trátase do segundo encontro que a institución provincial ten con Teixido logo de que o mandatario local rexeitase publicamente e en reiteradas ocasións a construción desta dotación social, negativa que nunca trasladou oficialmente ó organismo lugués. O Alcalde voltou hoxe a non aclarar cal é a súa postura, retrasando de novo a execución do centro de día e residencia pública da Deputación en Guitiriz.

Esta comisión tivo lugar logo de que onte Teixido mantivese un encontro con veciños ós que trasladou erroneamente que a institución provincial non ía a construír un centro de día no municipio. O Alcalde fixo estas afirmacións malia ter nas súas mans o proxecto da Deputación e a pesares das reiteradas explicacións dos técnicos provinciais ó respecto do mesmo. Ante esta situación, a comisión de seguimento institucional demostrou de novo ó Rexedor que a dotación social da Deputación contempla un centro de día con 15 prazas e unha residencia con 26 prazas de titularidade pública.

Convenio

Deputación e Concello de Guitiriz manteñen en vigor un convenio de colaboración para a construción dun centro de día e residencia pública no municipio chairego, que mantén que a institución provincial achega o 80% do custe total destes traballos, é dicir, 2,1 millóns de euros contemplados no Orzamento do organismo lugués, mentres a entidade local participa no seu financiamento con 200.000 euros, ademais de achegar os servizos urbanísticos e os terreos. Teixido tamén mantén paralizada esta cuestión malia que o Pleno municipal, xa no anterior mandato, aprobou a cesión da Casa da Botica e dos terreos colindantes a este inmoble para a realización deste proxecto.

No caso de que o Alcalde aclarase a súa postura e cedese estes terreos, a Deputación, sempre coa imprescindible colaboración do Concello, faría posible que Guitiriz ofertase prazas tanto nun centro de día coma nunha residencia a un prezo máis vantaxoso ó impulsar unhas instalacións de caracter público. Todo isto, a pesares de non contar coa colaboración da Xunta, administración galega con plenas competencias en benestar social, que rexeitou sumarse a este proxecto, xustificando que “non é necesario nin prioritario”.