Deputación de Lugo

Gómez Besteiro reivindica o compromiso de todas as administracións 'para ter dereito a vivir do rural, e no rural'

“Nuns momentos tan difíciles, temos que apostar, máis ca nunca e como fan outros países europeos, polo futuro do campo, porque xera riqueza e emprego, fixa poboación, e coida o territorio”, subliñou o Presidente nunhas xornadas sobre o sector lácteo na Granxa Gayoso Besteiro destacou a importancia de mellorar os prezos do leite, porque, soamente equiparándoos cos doutras comunidades autónomas ou países do noso entorno, Lugo tería ingresado 20 millóns de euros máis en 2012Máis de 150 gandeiros da provincia participaron no foro do organismo provincial no que expertos de recoñecido prestixio abordaron os principais retos da produción leiteira na provincia, como a proposta da PAC e o contrato lácteo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este venres, nunhas xornadas sobre o sector lácteo organizadas na Granxa Gayoso Castro polo propio organismo provincial, “o compromiso de todas as administracións para ter dereito a vivir do rural, e no rural”. Ante máis de 150 gandeiros, Gómez Besteiro reclamou un “pacto co campo para conseguir que sexa un modo de vida digno e rendible. Nestes momentos tan difíciles, temos que apostar, máis que nunca e como están facendo outros países europeos, polo futuro do sector agrario, temos que confiar en que é un sector con futuro, porque xera riqueza e emprego, mantén vivos os nosos pobos fixando poboación, e coida do territorio e o medio ambiente”.

O Presidente, que clausurou as xornadas acompañado polo secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, recalcou o gran peso da actividade agrogandeira e, en concreto do sector lácteo, na provincia lucense: “Segundo a nivel galego se sitúa como motor económico o naval ou a Citröen, en Lugo o agro é vital: dá emprego, de xeito directo e indirecto, a unhas 30.000 persoas na nosa provincia; Lugo concentra o 46% da produción total de leite de Galicia e un terzo da española, e soamente coa venda do leite, a nosa provincia ingresa 230 millóns de euros ó ano”.

Para que o campo prospere, engadiu, “temos que garantir a igualdade de oportunidades; ofrecer ós gandeiros e agricultores recursos para diversificar a súa actividade, e xerar valor engadido, e responder con eficacia ós seus problemas”. Neste senso, o Presidente destacou a importancia de mellorar os prezos do leite, pois só equiparando as cotizacións que perciben os gandeiros lucenses cos que teñen outras comunidades autónomas ou países do noso entorno, como Francia, a provincia de Lugo tería ingresado 20 millóns de euros máis no ano 2012 pola venda de leite, o que supón 3.900 euros máis por explotación.

Garantir prezos por riba dos custes de produción

A este respecto, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, quen inaugurou as xornadas da Granxa Gayoso Castro xunto ó secretario de Organización de UU.AA., José Rodríguez, incidiu na necesidade de que o Goberno de Rajoy incorpore na futura Lei de Calidade Alimentaria a alegación acordada pola Xunta de Galicia e os sindicatos agrarios o pasado mes de decembro para que, entre outras cuestións, o prezo establecido no contrato lácteo nunca sexa inferior ós custes de produción. “O Goberno galego, ou ben non presentou a alegación, tal e como se comprometera ante os sindicatos, ou ben, non ten tanta influencia en Madrid como presume Feijóo, porque a día de hoxe, esa disposición non figura na Lei. Esperamos que na tramitación no Parlamente o faga, e que sexa ilegal vender un produto agrario ou gandeiro por debaixo do seu custe de produción”, argumentou Méndez.

A Deputación, un aliado

“En nós tedes un aliado”, destacou Gómez Besteiro, engandindo que este compromiso faise visible en dous ambiciosos proxectos: a construción do primeiro centro de recría público en España, que aforrará custes ós gandeiros e xerará un volume de negocio de 3 millóns de euros ó ano; e o Fórmate en Verde, o novo plan de emprego do organismo provincial, “exclusivamente centrado en apoiar e revitalizar o campo”, a través do que un milleiro de persoas recibirán de xeito gratuíto formación e asesoramento técnico especializado para crear empresas vinculadas á gandería e á agricultura ecolóxica, e á xestión forestal sostible.

As conferencias

Máis de 150 de gandeiros da provincia participaron nas xornadas organizadas pola Deputación, durante as que expertos de recoñecido prestixio abordaron os principais retos da produción leiteira na provincia, como as estratexias de futuro para o sector fronte a nova proposta de reforma da PAC, tratada nunha conferencia por Román Santalla Agra, gandeiro e ex presidente da Interprofesional Láctea (INLAC); e “A Contractualización como base para o desenrolo económico das explotacións de leite e dos Concellos rurais da provincia de Lugo”, ponencia que ofreceu Francisco Sineiro García, Doutor en Enxeñería Agrónoma e profesor da Escola Politécnica Superior. O congreso rematou cunha visita ás obras do centro de recría.