Deputación de Lugo

A Deputación rexeita a proposta do Alcalde de Guitiriz de abrir unha rúa que reduce nun 50% as dimensións do centro público para maiores

Teixido propón na 3º Comisión de Seguimento do proxecto de construción dun centro de día e residencia pública na Casa da Botica construír unha nova rúa na zona, reducindo as dimensións para estas instalacións, e recortar a 14 o número de habitancións, todas elas compartidas agás 2A institución rexeita a proposta do Rexedor porque merma a calidade asistencial con menos prestacións e habitacións compartidas polo mesmo custe, facendo que o centro sexa máis caroGarcía Porto subliña que o Rexedor “antepón os seus intereses urbanísticos ó benestar dos veciños” e destaca a “súa incongruencia cando primeiro non quere situar o centro para maiores na Casa da Botica por ser un lugar moi céntrico para tranquilidade dos seus usuarios e agora quere levar alí unha rúa con tránsito viario”

A Deputación celebrou hoxe unha nova Comisión de Seguimento do centro para maiores de Guitiriz, na que participaron a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o Alcalde deste Concello, Xosé María Teixido, ademais de técnicos provinciais e municipais. Trátase do 3º encontro que organiza a institución luguesa para coñecer a postura do Rexedor logo de 2 anos de espera nos que a súa indefinición bloqueou a posta en marcha das obras de construción dun centro de día e unha residencia pública na Casa da Botica, con 24 habitacións individuais que poderían ser dobres para uso de familiares en caso de visitas non para emprego doutros residentes, cunha planta de espazos comúns como ximnasio, enfermería ou comedor, así como con zonas axardinadas. Este luns, o Alcalde propuxo unha modificación do proxecto, que consiste na construción dunha nova rúa na zona, reducindo nun 50% as dimensións do centro para maiores e recortando a 14 o número de habitacións, que serían todas dobres e compartidas polos residentes agás 2, e diminuíndo os servizos. O organismo provincial rexeitou a proposta do Rexedor xa que supón un centro máis pequeno e máis caro porque se ofrecerían menos servizos (non quedaría espazo para determinadas prestacións) e de menor calidade (con habitacións compartidas) polo mesmo custe. Por exemplo, hai que ter en conta que segundo a Lei de Servizos Sociais é obrigatorio contratar un determinado número de coidadores, médicos ou ATS por praza para unha atención as 24 horas e que a proposta de Teixido non varía a capacidade do centro para maiores polo que os custes neste senso son os mesmos.

García Porto salientou que “finalmente coñecemos a postura de Teixido: prefire unha nova rúa que un centro para maiores de calidade. Isto demostra, que non acudiu as tres comisións de seguimento celebradas en calidade de Alcalde senón de construtor porque doutra maneira non se entende que antepoña os seus intereses urbanísticos ó benestar dos veciños”. A Deputada subliñou que a institución mantén a súa proposta inicial, rexeitando taxantemente a do Alcalde, tendo en conta a necesidade dun centro de día e residencia público en Guitiriz, cando o 30% da poboación deste Concello supera os 65 anos e cando unha vintena de persoas deste municipio teñen que acudir a centros privados fóra de Guitiriz para contar coas prestacións que lles quere ofrecer a Deputación nun complexo público.

Unha proposta inviable

O organismo provincial mantén que a proposta de Teixido é inviable porque o obxectivo da rede pública de centros de día e residencias da Deputación é potenciar o benestar e mellorar a calidade asistencial dos maiores con novas dotacións sociais que xeren emprego e combatan o despoboamento demográfico no rural, e non acometer novas infraestruturas viarias. A posta en marcha destas instalacións suporía a creación duns 20 novos postos de traballo directos en Guitiriz (coidadores sociais, médicos, ATS como os de administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza...) e ducias de indirectos. Ademais, impulsaría a economía da zona, potenciando a actividade de pequenas empresas e autónomos. Outro exemplo dos posibles beneficios deste proxecto é que só por conceder a licenza de obra, que é imprescindible para poder iniciar estes traballos, o Concello xa ingresaría inmediatamente nas arcas municipais uns 50.000 euros.

Postura de Teixido

O organismo provincial non entende a postura que mantivo Teixido durante todo este proceso. “Primeiro no quería o centro de día e residencia pública da Deputación ó levar estas instalacións á Casa da Botica, que consideraba un lugar moi céntrico para tranquilidade dos seus usuarios, e agora quere situar alí unha rúa con tránsito viario, poñendo en perigo a seguridade dos maiores. O único que entendemos e que Teixido leva 2 anos bloqueando o noso proxecto, poñéndolle trabas totalmente incongruentes”, destacou García Porto. A institución leva dende maio de 2011, data na que Deputación e Concello asinaron o convenio para a construción dun centro para maiores, esperando a que o Alcalde aclare a súa postura para iniciar as súas obras. Segundo este convenio, o organismo provincial inviste 1,2 millóns de euros mentres que o Concello participa no seu financiamento con 200.000 euros, ó tempo que concede os terreos necesarios e os servizos urbanísticos.