Deputación de Lugo

Un milleiro de veciños e empresas da provincia coñeceron as vantaxes das novas tecnoloxías no último ano grazas ó In Lugo

O Centro de Innovación Social da Deputación promoveu accións formativas gratuítas en 22 Concellos ó longo de 2012, encamiñadas a mostrar ós lucenses como sacar o máximo partido ás TIC na súa vida persoal e laboral, ademais de impulsar o tecido empresarial O uso de buscadores web, o comercio electrónico, a formación en community manager, a creación de blogs e páxinas web, e o deseño de campañas de márketing on line foron as xornadas que tiveron unha maior aceptación

Preto de 1.100 veciños e empresas da provincia coñeceron as vantaxes das novas tecnoloxías grazas ás accións de difusión e formación, todas gratuítas, que desenvolveu ó longo do último ano o Centro de Innovación Social, o In Lugo, o servizo que puxo en marcha a Deputación de Lugo co cofinanciamento do Ministerio de Industria co obxectivo de rompela fenda dixital na provincia, favorecelo equilibrio territorial e aproveitar as TIC para impulsar o desenvolvemento socioeconómico.

O In Lugo promoveu obradoiros e xornadas, eminentemente prácticas, en 22 Concellos da provincia durante 2012, encamiñadas a mostrar ós lucenses como sacarlle o máximo partido ás TIC na súa vida persoal e laboral, ademais de impulsalo tecido empresarial para manter e xerar emprego. O uso de buscadores web, o comercio electrónico, a formación en community manager, a creación de blogs e páxinas web, e o deseño de campañas de márketing on line foron as xornadas que tiveron unha maior aceptación.

Unha programación con tres eixos

A programación do Centro de Innovación Social xirou en torno a tres eixos fundamentais:

- Un programa dirixido a veciños e asociacións, que incluíu 100 cursos por toda a provincia, cunha duración total de 750 horas, e dos que se beneficiaron 989 persoas.

- O Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES: O In Lugo coordinou a realización de auditorías totalmente gratuítas a 44 pequenas e medianas empresas da provincia para avaliar cal é o seu grao de incorporación ás novas tecnoloxías. Logo, tamén de balde, prestóuselles asesoramento técnico especializado para incorporar as melloras que máis lle conviñan para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio, como, por exemplo, conexión a Internet de banda longa; crear unha páxina web; implantar a factura electrónica, que reduce custes e tempo; a venda por Internet, que abre novos mercados por todo o mundo; facer publicidade na Rede, para aumentar as vendas, pero tamén fidelizar clientes; ou optar polas operacións bancarias a través da Rede (a banca electrónica) para axilizar pagos e cobros.

- Xornadas Living Expo: dirixidas tamén ás empresas, co fin de que coñeceran os recursos tecnolóxicos á súa disposición para mellorar o seu negocio. Participaron unha vintena de firmas.

A maiores destes tres programas, o Centro de Innovación Social organizou cursos de alfabetización informática nas Aulas da Terceira Idade de Lugo, para cuxo funcionamento precisamente cedeu a Deputación dependencias provinciais, concretamente onde antes se atopaba o Fogar do Transeúnte. Nestas xornadas de informática participaron 75 persoas. O In Lugo ofreceu así mesmo, a petición da Asociación de Pais e Nais (ANPA) do colexio de Paradai, unha charla coloquio no Centro de Servizos Sociais da Milagrosa sobre o uso responsable de Internet por parte dos menores. Para os nenos tamén se organizaron as xornadas Educ@TIC, co obxectivo de favorecelo uso das novas tecnoloxías entre os rapaces, de xeito responsable e para que lles sexan útiles para a súa actividade escolar.