Deputación de Lugo

A Deputación consolida o ocio medioambiental como oportunidade económica co 3º Surf-Camp, que reúne ós mellores surfers de Europa

Imaxe deputación de lugo
Campións europeos desta modalidade deportiva, que cada vez conta con máis adeptos, ensinarán gratis as súas técnicas e coñecementos durante o certame, que terá lugar entre os días 3 e 5 de maio nas praias da Mariña A programación inclúe outras actividades libres e gratuítas para toda a familia, como paseos en skate eléctrico, segway ou longskate, exhibicións e músicaÓs interesados en facer surf que non dispoñan de material prestaráselles de balde todo o que necesiten. Teñen que facelas reservas chamando ó teléfono 982-12-00-64 O Presidente destacou o impacto económico que as xornadas supoñen para a Costa lucense poñendo como exemplo a ocupación hoteleira rexistrada o pasado ano, que acadou o 80% na zona oriental da comarca e incluso rozou o cheo total en Ribadeo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, os responsables do establecemento ribadense Hola!Ola, David Martínez e Juan Carlos Rubio, e representantes dos clubs de surf da Mariña, presentaron este luns na praia viveirense de Area a terceira edición do Surf-Camp, que terá lugar entre os días 3 e 5 de maio nas praias da Mariña. Con este certame, financiado ó 80% con fondos europeos a través do programa Lug02, o organismo provincial “consolida un evento que xa é un revulsivo económico para A Mariña”, destacou Gómez Besteiro, tendo en conta os centos de persoas que participan, chegados de toda a metade norte peninsular, e a ocupación hoteleira rexistrada, que o pasado ano acadou o 80% na zona oriental da comarca e rozou o cheo total en Ribadeo.

Estes resultados, asegurou o Presidente, “confirman o lecer medioambiental como fórmula eficaz para desestacionalizar o turismo na Mariña e poñer en valor a súa riqueza paisaxística”. Neste senso, o mandatario provincial amosou a súa confianza en que este ano seguirá aumentando o éxito de participación no Surf-Camp, pois “é froito dunha perfecta combinación entre un deporte que cada vez conta con máis afeccionados e uns escenarios ideais, como son as praias mariñanas, para poder practicalo”.

Por parte dos clubs de surf da Mariña, no acto de presentación das actividades, ademais de David Martínez e Juan Carlos Rubio, de Hola!Ola Surf Club, estiveron presentes Borja Rocha Vázquez, de North Shore; Brais Ledo Blanco, de Surfiños; Antón Rodríguez, de Sensación Surf; Ignacio Fernández Lage, de Van Surf; e David Díez Polo, de Oxígeno surf.

A capital do surf

O Surf-Camp reunirá unha vez máis á elite de toda Europa desta modalidade deportiva, o que converterá á Mariña na capital do surf durante a primeira fin de semana de maio. Un total de 18 dos mellores surfistas europeos teñen confirmado a día de hoxe a súa participación nas xornadas, durante as que ensinarán, de xeito totalmente gratuíto, a todo aquel que o queira as súas técnicas e coñecementos. Repiten figuras como Gony Zubizarreta, Aritz Aramburu, Kepa Acero, Hodei Collazo, Adur Letamendia, Indar Unanue ou Pablo Solar, e incorpóranse outras, como Mario Azurza, Jonathan González ou Guillermo Alonso.

Haberá tamén representantes da Federación Española de Surf e de medios especializados neste deporte, como www.fuelsurf.tv; www.surflimit.com; www.costasurf.com; www.aremojo.com ou www.cervezasalada.com atraídos polo número de surfistas do máis alto nivel que se concentrarán na Mariña. Se ben Galicia acolle campionatos de nivel, esta é a única ocasión na que calquera poderá surfear da man de profesionais destacados e recibir as súas ensinanzas, polo que se trata dun evento único na comunidade galega.

Propostas para toda a familia

As xornadas do Km0 Surf-Camp inclúen actividades libres e gratuítas pensadas para toda a familia, como paseos en skate eléctrico, segway, longskate, exhibicións e música.

A programación é a seguinte:

Venres, 3 de maio: Tralo acto de inauguración ás 19:00 horas no porto de Rinlo, terá lugar cunha exhibición de skate nesta mesma localización.

Sábado, 4 de maio: A xornada arrancará ás 11:00 horas cunha expression session de surf nos areais de Barreiros, e ás 14:30 horas terá lugar unha comida popular na praia. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, as actividades continuarán no paseo marítimo de Viveiro, cun simulador de surf, e percorridos en skate eléctrico, segway e longskate. Dende as 16:30 tamén haberá exhibicións de surf nas praias de Barreiros. As 00.00 terá lugar un concerto do grupo vivariense Sunday Morning Club no pub TRES60 de Ribado.

Domingo, 5 de maio: Entre as 12:00 e as 14:00 horas, os mellores surfistas de Europa, acompañados de monitores, ensinarán a surcar as olas a todos aqueles que o desexen na praia focense da Rapadoira. Ós interesados en facer surf que non teñan material, prestaráselles de balde todo o que necesiten. Para elo, teñen que facer as reservas chamando ó número de teléfono 982-12-00-64.

As persoas que queiran máis información poden dirixirse á páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org; á web do certame http://km0surfcamp.deputacionlugo.org; ó Twitter, @surfcamplugo; ou ó Facebook facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo

A Mariña ten 7 clubs de surf con máis de 200 socios

Coa iniciativa colaboran os 7 clubs de surf existentes na comarca da Mariña, e que contan a día de hoxe con máis de 200 socios, aínda que o número non deixa de medrar. Trátase de: Hola!Ola Surf Club de Ribadeo; North Shore Surf Club de Barreiros; Surfiños Surf Club e Sensación Surf Club de Foz; Limosa Surf Club de San Cibrao; e Oxígeno Surf Club e Van Surf Club de Viveiro. A cantidade de colectivos mariñanos desta modalidade deportiva dá boa conta da grande e crecente afección polo surf que existe na Costa lucense.

Cartel de campións

Mostra da boa acollida e a proxección do Surf-Camp é que o cartel de campións participantes medra ano tras ano. Nesta terceira edición están confirmados polo momento 18 figuras de primeiro nivel. Son os seguintes:

- Gony Zubizarreta: o surfista galego máis laureado neste deporte, gañador o pasado ano do San Miguel Zarautz Pro, unha importante proba do circuíto World Qualifing Series Tour (WQS), e 2º clasificado no WQS máis importante para Galicia, o WQS Pantin Classic.
- Pablo Gutiérrez: actual camión de Europa de surf.
- Kepa Acero: inmerso no seu proxecto “5 olas, 5 continentes”, viaxa por todo o mundo descubrindo olas case imposibles de surfear como na Antártida, na que estivo catro veces.
- Adur Letamendía é famoso por surfear grandes olas e actual gañador do evento máis importante de Europa destas olas, o Punta Galega EVE Challenge 2012.
- Marlon Lipke: surfista alemán afincado en Peniche (Portugal) participou no WQS durante anos, acadando o seu paso ó WCT (World Circuit Tour), un nivel ó que moi poucos europeos chegaron.
- Artitz Aramburu: o campión de Europa Profesional 2007 e primeiro español en clasificarse ó WCT encontrou un oco para participar no Surf-Camp.
- Hodei Collazo: un dos grandes do WCT, e 2º do mundo no circuíto junior de 2004.
- Jaji Iglesias, o rei do marketing surfeiro, é un surfista rápido en olas pequenas.
- Luis Rodríguez: o 2º surfista galego máis laureado dos últimos tempos, premiado ó mellor Wipeout durante durante o Punta Galea EVE Challenge 2012.
- Lucía Martiño: campiona de España de surf 2011.
- Dani Aznar: monitor de surf na súa propia escola, amante do surf libre e un artista voando coa súa táboa en xiros impensables.
- Yoli Rodríguez: un dos máximos expoñentes a loitar polo liderado do campionato de surf feminino nos próximos anos.
- Indar Unanue: free surfer, coñecido por loitar contra as olas xigantes de todo o litoral europeo.
- Pablo Solar: actual seleccionador da Federación Española de Sur, e gañador do circuíto nacional durante anos.
- Mario Azurza: máis ben un free surfer que un competidor, conta cun blog que recibe máis de 50.000 visitas anuais.
- Jonathan González: o máis afamado surfista de Canarias, practica este deporte dende os 9 anos e actualmente está realizando o circuíto WQS.
- Guillermo Alonso: surfista asturiano, continuo viaxeiro e flamante gañador do programa televisivo San Miguel, cracks del surf, ten unha escola de surf no seu pobo natal, Ribadesella.
- Garazi Sánchez: surfista vizcaína gañadora do circuíto ESHF, practica este deporte dende os 7 anos.