Deputación de Lugo

A Cámara de Comercio, punto de partida da visita oficial do Presidente da Deputación de Lugo a Barcelona

José Ramón Gómez Besteiro expón a empresarios da Cámara de Comercio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda e Delegada da Área de Promoción Económica, Lara Méndez, foron recibidos oficialmente esta mércores polo Presidente da Cámara de Comercio de Barcelona, Miguel Valls Maseda, e mantiveron os primeiros contactos con varios empresarios barceloneses cos que analizaron as posibilidades da provincia de Lugo como destino para investir. A Cámara de Comercio foi o punto de arranque da visita oficial do Presidente a Barcelona, unha viaxe que se xestou a principios deste mes durante a súa participación nos actos do San Froilán na Cidade Condal.José Ramón Gómez Besteiro presentou diante os responsables da Cámara de Comercio unha radiografía da nosa provincia, da que destacou a súa localización xeoestratéxica, coa autovía A-6 e a próxima Transcantábrica como importantes vías de comunicación. O máximo responsable da Deputación lucense tamén fixo fincapé no gran potencial de Lugo como destino dun turismo de calidade grazas ás enormes posibilidades que ofrece a súa riqueza medioambiental. Lembrou, neste senso, que a nosa provincia alberga tres das catro Reservas da Biosfera que a UNESCO declarou en Galicia. Outro dos puntos subliñados por Gómez Besteiro foi a forte aposta que as distintas administracións realizaron nos últimos anos pola nosa provincia, un esforzo que xa empeza a dar os seus froitos.O encontro do Presidente e a Vicepresidenta Segunda co máximo responsable da Cámara de Comercio de Barcelona tivo lugar na Llotja de Mar, a antiga sede da Cámara barcelonesa e lugar das reunións institucionais. Durante a recepción oficial procedeuse ó intercambio de agasallos. José Ramón Gómez Besteiro entregou a Miguel Valls Maseda unha bufanda de seda elaborada polo Centro de Artesanía e Deseño e un pin da Deputación Lugo.Durante a súa visita, Gómez Besteiro e Lara Méndez estiveron arroupados polo presidente das Entidades Galegas en Cataluña, Luis Lamas, e o secretario da Asociación Cultural Amigos de San Froilán, Ramón Rey. Recepción da DeputaciónMañá xoves, na segunda xornada desta visita oficial, José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez serán recibidos oficialmente na Deputación de Barcelona polo seu titular, Celestino Corbacho, e manterán un encontro coa directiva da Asociación Galega de Empresarios en Cataluña –unha comunidade que goza de moita forza e arraigo dentro do tecido industrial e social-.A primeira cita do día será na sede da Deputación barcelonesa. Despois da recepción oficial, o Presidente desta institución, Celestino Corbacho, manterá un encontro privado con Gómez Besteiro e Lara Méndez. A continuación os dous Presidentes e a Vicepresidenta Segunda celebrarán varias reunións de traballo con diferentes técnicos e expertos nas que se expoñerá o modelo de xestión da Deputación de Barcelona, que é pioneiro en España e un referente na xestión provincial. O obxectivo é recoller as súas novidosas experiencias para trasladalas no posible á Deputación de Lugo. A continuación, o Presidente e a Vicepresidenta Segunda manterán un encontro con empresarios galegos en Cataluña para atraer investimentos á nosa provincia.