Deputación de Lugo

A Deputación abre Palillando no Camiño, unha mostra dedicada ó encaixe de bolillos de carácter didáctico e interactivo

Gómez Besteiro inaugurou unha mostra que reúne pezas de encaixe feitas por artesás que ofrecerán demostracións e leccións prácticas ós que se acheguen ata a Capela de Santa MaríaA exposición está composta por 200 pezas entre prendas de roupa, complementos de moda e fogar, e mesmo xoias feitas polas mulleres das oito agrupacións de palilleiras participantesPoderá visitarse gratis ata o 29 de maio, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e sábados e domingos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou hoxe a exposición Palillando no Camiño, que abre as súas portas na Capela de Santa María e reúne por primeira vez os traballos realizados coa técnica do encaixe de bolillos por ducias de mulleres de toda a provincia. Esta mostra é única xa que, ademais de recoller os traballos saídos das mans destas artesás, ofrece ós seus visitantes a posibilidade de asistir a demostracións en vivo do seu facer, así como a leccións prácticas impartidas por estas profesionais.

Durante o acto de inauguración, que contou coa presenza das artesás participantes, Gómez Besteiro destacou que queda patente que a Capela de Santa María xa se ten convertido nun espazo aberto a todos “sen prexuízos, que ofrece mostras do moito e bo que, baixo diversos vehículos de expresión artística, se fai na nosa provincia . Pintores, oleiros ou arte en feminino ocupan esta Capela para que todos saiban do potencial creativo que ten a nosa provincia”.

Pola súa banda, Pilar López Barrera, secretaria da Asociación de Palilleiras “Camiño de Santiago” de Sarria agradeceu, en nome de todas as asociacións, a posibilidade que lles ofreceu a Deputación para dar a coñecer o seu traballo entre os lucenses dende un espazo coma a Capela de Santa María.

O acto de inauguración contou ademais, coas palilleiras sarrianas facendo encaixe á vista dos asistentes, tal e como farán en diferentes ocasións mentres permaneza aberta esta mostra.

200 pezas de encaixe

As agrupacións de artesás presentes son a Asociación de Palilleiras de Sarria “Camiño de Santiago”, que nesta ocasión exercen de anfitrioas; o grupo de Palilleiras de Cervo, Burela e Foz; a Asociación Cultural de Quiroga; o grupo “Agulla máxica”, de Lugo; o grupo “Bosque Sagrado”, que reúne a palilleiras de Vilalba, Cerdido, Santaballa e As Pontes; as palilleiras dos Centros Socioculturais lucenses de Lamas de Prado, Trapero Pardo, Milagrosa e Fingoy; a Asociación “As Encaixeiras” de Burela e o grupo “Coas nosas mans” de Xove.

As 200 pezas que forman parte desta mostra son, na súa maior parte, de inspiración tradicional de encaixe galego, aínda que tamén haberá pezas realizadas baixo outras técnicas, coma dos chamados tipos ruso, belga (ou binche), ou danés (tonder). Prendas de vestir de adulto e neno, complementos decorativos de fogar e de moda, coma chales, broches, sombreiros, abanos ou mesmo xoias, realizadas en liño, fío e seda, serven de testemuña dun oficio que se mantén con vida na actualidade grazas á implicación e esforzo dunhas 500 mulleres de toda a provincia.

Do mesmo xeito que hoxe, as demostracións en vivo e as leccións prácticas reeditaranse en vindeiras datas. A programación é a seguinte: sábado 4 de maio, estarán a cargo do grupo de palilleiras de Cervo, Burela e Foz; o 11 de maio serán as da Asociación Cultural de Quiroga “Azaia”; ó día seguinte, o grupo “Agulla máxica” de Lugo; o 17 de maio novamente estarán a cargo da Asociación de Palilleiras “Camiño de Santiago”, de Sarria; os días 18 e 19 a agrupación “Bosque Sagrado” de As Pontes, Cerdido, Vilalba e Santaballa e a dos Centro de Convivencia Municipais de Lamas de Prado, Trapero Pardo, Milagrosa e Fingoi de Lugo, respectivamente; o día 25 de maio a agrupación “Coas nosas mans” de Xove e, finalmente, o 26, a asociación “As encaixeiras” de Burela.

Cando pode visitarse

A Capela de Santa María terá aberta esta mostra ata o vindeiro 29 de maio, nos seguintes horarios: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada á totalmente gratuíta.