Deputación de Lugo

A Deputación esixe a retirada da LOMCE, “un novo ataque ó ensino público no rural, que fomentará o desequilibrio na provincia”

Martínez subliña que Wert e o PP “non poden ignorar o clamor da cidadanía escoitado onte nas rúas” contra unha reforma “ideolóxica” que ten en fronte por “primeira vez na historia de España a toda a comunidade educativa, e ata recibiu reparos do Consello do Estado”Asegura que a lei será “o paso definitivo no desmantelamento da educación pública que está a perpetrar o Partido Popular, tralos recortes en profesores e axudas; o golpe mortal a Preescolar na Casa; ou a obriga de agrupar na mesma aula a nenos de ata 6 cursos diferentes”

O voceiro socialista da Deputación, Manuel Martínez, en nome do Goberno provincial, esixiu este venres ó Executivo central que retire xa a LOMCE e abra un proceso de diálogo con toda a comunidade educativa, pois ademais de contar por primeira vez na historia de España co rexeitamento xeneralizado de pais, nais, profesores e alumnos, e incluso ter recibido reparos do Consello de Estado –o principal órgano consultivo do Goberno-, o anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa terá “un forte impacto negativo para Lugo, xa que supón un novo ataque ó ensino público no rural que fomentará o desequilibrio territorial na provincia, así como o xa gravísimo despoboamento que padece”.

Martínez, que fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, considera que o ministro Wert e o PP “non poden ignorar o clamor da cidadanía escoitado onte nas rúas” contra esta reforma “profundamente ideolóxica e, como moitas outras que está sacar o PP, neofranquista”. O voceiro socialista indicou que a lei de Ignacio Wert, “que non conta nin sequera co apoio do seu propio irmán”, distribuirá “unha rede clientelar e caciquil de directores, pois estes serán nomeados a dedo, sen ter en conta á comunidade educativa; abrirá a porta ó despido de profesorado, á segregación e ó peche de centros; e concentrará as ensinanzas superiores nas grandes vilas, asfixiando aínda máis ó noso rural”.

En definitiva, argumentou, a reforma “é un paso definitivo no desmantelamento total da educación pública que está a perpetrar o Partido Popular”. Manuel Martínez recordou as medidas tomadas nestes sentido por Feijóo na provincia de Lugo. “Aquí sabemos moito disto”, indicou, “a Xunta eliminou profesores e axudas; recortou en becas e investigación; asestoulle un golpe mortal a un programa de referencia como Preescolar na Casa, deixando na rúa a 32 profesores e sen este servizo modélico a 400 familias lucenses; obrigou a reagrupar a escolares como na época de Franco, o que obriga a compartir a mesma aula a nenos de ata 6 cursos diferentes; a golpe de imposición, está tratando de desmantelar o instituto As Mercedes, a pesar de ser todo un referente a nivel autonómico e nacional; aplicou recortes dun 20% nos gastos de funcionamento de 15 institutos da provincia; e todos os colexios teñen menos presuposto para mantemento que no ano 2009”.
Por todo isto, a Deputación pide ó PP “que rectifique, que dea un paso atrás, que abandone a súa soberbia e prepotencia, e que dialogue, esta vez si, con toda a comunidade educativa. Se non o fai, daremos un paso atrás de dimensións históricas; a educación pública volverá a época franquista”, asegurou o Deputado.

Axuda para ampliación do paseo do Cabe
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou conceder unha subvención excepcional ó Concello de Monforte de Lemos por valor de 59.600 euros co obxectivo de colaborar no financiamento dos gastos derivados das expropiacións dos terreos necesarios para ampliar o paseo do río Cabe, no treito comprendido entre o parque dos Condes e a parroquia de Piñera.

A Deputación xa ten aprobada, en función dun acordo adoptado pola Xunta de Goberno en novembro do pasado ano, a achega económica que lle corresponde para executar estas obras, e que ascende a 940.000 euros, distribuídas en tres anualidades, o que supón o 20% do orzamento total inicialmente estimado. Este proxecto prevé levarse a cabo a través dun convenio a tres bandas: Concello, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Deputación.

Fomento do emprego
Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno tamén aprobou solicitar á Administración autonómica unha subvención de 33.300 euros para manter durante este ano 2013 os servizos dunha orientadora laboral que está a desenvolver na Deputación actividades de información, orientación e prospección de emprego. Dende que comezou en agosto do pasado ano, esta profesional prestou asesoramento para buscar traballo a un centenar de desempregados de toda a provincia.

Segundo recalcou Manuel Martínez, esta medida está enmarcada na “aposta firme e decidida” da Deputación polas políticas para fomentalo emprego, “que ten o seu mellor reflexo no aumento dun 63% nos fondos que destinamos a este fin nos Orzamentos deste ano 2013”.