Deputación de Lugo

O éxito do Surf-Camp da Deputación converte este deporte en reclamo para desestacionalizar o turismo na Mariña

O certame de ocio medioambiental logrou incrementar a práctica do surf, tanto entre os propios mariñanos, como entre os foráneos, que acoden cada vez máis á Costa lucense ó longo de todo o ano atraídos pola calidade das olas e as praias O funcionamento na comarca de 7 clubs que reúnen a uns 200 socios constata a crecente afección por esta modalidade deportivaO colectivo de Barreiros duplicou o número de asociados no último ano, algo que os seus responsables atribúen directamente a proxección do Surf Camp

O éxito de participación do Surf-Camp, posto en marcha hai agora tres anos pola Deputación de Lugo, marcou un antes e un despois na práctica do surf na Mariña, contribuíndo a aumentar considerablemente, tanto o número de practicantes entre os propios veciños, como entre os foráneos, que acoden cada vez máis ás praias lucenses ó longo de todo o ano atraídos pola calidade das olas e dos areais. Deste xeito, ano tras ano, o Surf-Camp estase a afianzar como reclamo para desestacionalizar o turismo na comarca.

Actualmente, existen sete club na costa lucense, que contan xa cuns 200 socios, e que participan na organización do evento deste ano. Os responsables de Hola!Ola, North Shore, Surfiños, Limosa Surf Club, Sensación Surf, Van Surf e Oxígeno Surf confirman a boa saúde dun deporte que deixou de ser afección dunha minoría para converterse nun dos deportes máis populares da Mariña lucense. Un dos mellores exemplos é o colectivo de Barreiros, Nort Shore, que duplicou o número de asociados no último ano, algo que os seus responsables atribúen precisamente á proxección deste evento, que reúne nas praias da Mariña ós mellores do surf nacional e internacional.

Nesta mesma liña, moitos dos surfistas locais destacan que cada vez son máis os practicantes do surf. Borja Rocha, barreirense que o pasado ano foi gañador do trofeo á mellor promesa outorgado polos surfistas internacionais presentes no Surf-Camp, asegura que, cando a situación normal hai anos era lanzarse á auga coa táboa en solitario, actualmente é habitual compartir espazo nas olas con xentes chegadas doutros puntos de Galicia e mesmo do resto da xeografía española.

Este “turismo de olas” ten a particularidade de que non se limita ós meses de bo tempo. Os afeccionados ó surf practícano durante todo o ano, polo que esta crecente popularidade supón un impulso para os negocios mariñanos. Tendas de artigos deportivos, locais de hostalería e establecementos hoteleiros ven como a actividade xerada arredor da práctica deste deporte repercute positivamente na súa economía, de xeito desestacionalizado.

No crecente interese por este deporte ten exercido unha gran influencia o Surf-Camp. A pesar da súa xuventude, esta cita xa está marcada no calendario de afeccionados e público en xeral porque, malia que cada vez son máis os eventos que en torno a este deporte se celebran en Galicia, o lucense é único. Isto é debido a que o Surf-Camp, máis aló de gozar coa destreza sobre a táboa dos surfistas profesionais da elite internacional, permite ós seus participantes compartir con estes olas e experiencias.

Un acontecemento na Mariña

Os tres días que dura este certame supoñen un acontecemento na Mariña, facendo que os establecementos hoteleiros de toda a costa conten cunha ocupación que oscila entre o 80 e o 100%. Centos de persoas danse cita en diferentes praias mariñanas, entre participantes, público e medios de comunicación.

De feito, o pasado ano, ata 15 medios de comunicación cubriron en directo as actividades de toda a fin de semana. Publicacións especializadas coma a revista hispano–francesa Surf Limit ou a brasileña Parafina; bloggers coma El blog de Occy, The Crazy Guecho, A Remojo, ou webs de surf coma Fuel Surf ou Surf Galicia, estiveron moi atentos á evolución dos campións e afeccionados na auga, que deron o seu froito en forma de numerosas reportaxes. Outros medios como os dixitais 20 minutos.es, que.es, diariosigloXXI.com, elperiodico.com, elimparcial.com ou publico.es, así como as edicións dixitais de periódicos como ABC ou La Nueva España; os portais yahoo.com ou msn.com e diferentes canais de youtube.com o dalealplay.com cubriron as actividades desenvolvidas na Mariña. Toda esta atención mediática serviu, non só para publicitar este evento que combina ocio, deporte e medio ambiente, senón que contribuíu a colocar á Costa lucense no punto de mira dun gran número de turistas potenciais.

Tres días de actividades

A 3ª edición do Surf-Camp terá lugar esta fin de semana, entre o venres e o domingo. As praias da Mariña reunirán unha vez máis á elite do surf de toda Europa. Deste xeito, 18 dos mellores surfistas europeos confirmaron a súa presenza nestas xornadas, durante as que ensinarán gratis as súas mellores técnicas e trucos. Gony Zubizarreta, Aritz Aramburu, Kepa Acero, Hodei Collazo, Adur Letamendía, Idar Unanue, Pablo Solar, Mario Azurza, Jonathan González ou Guillermo Alonso, compartirán o seu saber con todo aquel que queira “botarse” ó auga cos campións.

As xornadas de Km0 Surf-Camp, financiadas ó 80% por fondos da Unión Europea a través do programa Lug02, inclúen actividades libres e gratuítas para todas as idades e aptitudes, porque ademais do surf tamén haberá tempo para skate eléctrico, segway, longskate, exhibicións e música.

A programación é a seguinte:

- Venres, 3 de maio: tras o acto de inauguración ás 19:00 horas no porto de Rinlo, terá lugar unha exhibición de skate na mesma localización.

- Sábado, 4 de maio: a xornada arrincará ás 11:00 horas cunha expression session de surf nos areais de Barreiros, e ás 14:30 horas terá lugar unha comida popular na praia. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, as actividades continuarán no paseo marítimo de Viveiro, cun simulador de surf y percorridos en skate eléctrico, segway e longskate. A partir desa mesma hora, nas praias de Barreiros, continuarán as exhibicións de surf. Para pechar a xornada, a música do grupo viveirense Sunday Morning Club ofrecerá un concerto a partir das 00:00 horas no pub TRES60 de Ribadeo

- Domingo, 5 de maio: entre as 12:00 e as 14:00 horas, os mellores surfistas de Europa, acompañados de monitores, ensinarán a surcar as olas a todos aqueles que o desexen na praia focense da Rapadoira.

Os interesados en practicar surf que non conten con material propio, poden conseguilo gratis chamando ó teléfono 982 120 064. Máis información na páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.org; na propia web do certame http://km0surfcamp.deputacionlugo.org; a conta de Twitter @surfcamplugo ou en Facebook http://facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo.