A Deputación mantén por 7º ano 'unha achega económica decisiva' para celebrar as Xornadas Xurídicas de Sarria
A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e o Alcalde de Sarria, José Antonio García, asinaron un convenio de colaboración polo que o organismo provincial achega 6.000 euros para a organización da 7ª edición das Xornadas Xurídicas da vila sarriana, que terán lugar o vindeiro venres e sábado, días 31 de maio e 1 de xuño, e versarán sobre o Dereito Penal. Méndez destacou que a Deputación, a pesar das dificultades económicas e recortes que sufrimos todas as administracións, mantén a súa colaboración económica dende a primeira edición porque somos conscientes de que é decisiva e garante a viabilidade do congreso, subliñou Méndez.
Neste senso, a Vicepresidenta incidiu en que o organismo lugués mantén un apoio continuo e decidido porque somos conscientes das grandes oportunidades que este evento leva consigo para Lugo: en primeiro lugar, porque se trata con toda seguridade do acontecemento científico-formativo máis importante que se celebra nesta provincia no ámbito do Dereito, e converte por uns días a Lugo na capital xurídica de España, dado o elevadísimo nivel dos seus poñentes e a transcendencia e actualidade dos temas debatidos; e, en segundo lugar, porque recibimos a visita de centos de persoas que non queren perder esta oportunidade única, e que aproveitan a súa estancia en Sarria para coñecer os nosos extraordinarios recursos naturais, culturais e gastronómicos. Isto implica a xeración de riqueza noutros sectores, como a hostalería ou o comercio, e, polo tanto a dinamización da economía local. As xornadas convértense en escaparate da nosa provincia.
Para Lara Méndez, queda demostrado, tanto polo número de edicións, como polos poñentes que inclúe o programa, que estes anos de suma de esforzos e ilusión serviron para conseguir unhas xornadas plenamente consolidadas como referente nacional no mundo xurídico.
A Vicepresidenta destacou así mesmo que o salto da temática á xurisdición Penal, tralos 6 primeiros anos abordando variados aspectos do Dereito Civil, demostra o gran dinamismo deste evento e dos seus organizadores, o que, sen dúbida, garante unha vida longa e exitosa.