Deputación de Lugo

A Deputación conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente con actividades formativas e didácticas gratuítas sobre consumo responsable

Imaxe deputación de lugo
O Centro de Interpretación de Terras do Miño acollerá ás 19:00 horas, unha conferencia de Daniel García Lamparte, especialista en modelos de crecemento urbanoPosteriormente, haberá monólogos a cargo de Isa Chao, Carmen Conde e Lois Pérez

A Deputación súmase o vindeiro mércores, 5 de xuño, á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se celebra baixo o lema “Pensa. Aliméntate. Aforra”, con actividades no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado nas inmediacións do río Rato, todas elas gratuítas.

A institución arrancará as súas actividades ás 19:00 horas cunha conferencia, que correrá a cargo do enxeñeiro de montes e especialista en modelos de crecemento urbano Andrés García Lamparte. Este profesional tratará as pautas de consumo responsable, especialmente as referidas á alimentación, que permiten un considerable aforro de recursos enerxéticos. Ademais, fará unha reflexión sobre a necesidade dun cambio nos modelos actuais encamiñado non a aforrar comida, senón a producila dun xeito máis respectuoso co medio.

Tras a intervención de García Lamparte, chegará o momento das actividades didácticas, con monólogos que interpretarán os lucenses Isa Chao, Carmen Conde e Lois Pérez, e cos que farán reflexionar ós asistentes empregando a risa.

Isa Chao suma xa numerosas actuacións, nas que compartiu escenario con actores profesionais, coma Isabel Risco. Carmen Conde, que ademais de monologuista, é actriz, guionista e escritora; e Lois Pérez, Premio de Teatro Radiofónico coa obra “Saltimbanqui”, tamén é escritor.