Deputación de Lugo

A Deputación amosa á provincia a un grupo de bretóns irmandados coa vila de Sarria

Este verán se cumpren 15 anos da primeira visita organizada entre os municipios de Sarria e Guerlédan, na bretaña francesaOs lugueses teñen organizadas numerosas actividades e visitas para dar a coñecer ós bretóns o patrimonio da provincia Exposicións, conferencias, mesas redondas e música completan a axenda dos visitantes que permanecerán en Lugo durante 6 días

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles Izquierdo e o Deputado de Cultura, Mario Outeiro, presentaron esta mañá as actividades que centrarán a visita dun grupo de bretóns de Guerlédan irmandados dende hai 15 anos coa vila de Sarria. Á presentación, celebrada no Salón de Actos da Deputación, asistiron tamén a presidenta da Asociación da Irmandade, Elvira Vila e o concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco José Pérez González.

O grupo, formado por máis de 40 persoas chegarán a Sarria o vindeiro xoves, 11 de xullo e permanerán na Vila durante 6 días. Serán recibidos polo concelleiro de Cultura de Sarria e máis pola Vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez. Son persoas de tódalas idades que participan no intercambio e que estarán acollidos nas casas dos lugueses durante a sua estancia.

A Deputada de Medio Ambiente, destacou o esforzo da asociación e das entidades colaboradoras para preparar un programa de actividades que cualificou de brillante ó tempo que insistíu na vertente económica da iniciativa, xa que, segundo ela, os visitantes se convirten en embaixadores da nosa provincia.

A propia Sonsoles Izquierdo visitou o ano pasado a rexión bretoa e alí coñeceu de primeira man as iniciativas de xestión do medio ambiente na zona. Agora, a intención é darlles a coñecer aos bretóns os recursos da provincia e intercambiar ideas que axuden a divulgar o noso patrimonio.

A presidenta da Asociación da irmandade Elvira Vila, explicou a orixe da relación e insistíu en que son poucas as iniciativas coma esta que permanecen tanto tempo. Neste senso, o concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez, considerou que a clave da continuidade se debe a que os dous pobos comparten moitos aspectos en común e o intercambio ten unha vertente sentimental que supera ós aspectos adminsitrativos. O delegado de Cultura da deputación, Mario Outeiro, destacou eses mesmos aspectos en común e agradeceu á asociación que durante os 6 días que dura a visita dos franceses lles amosen “o mellor de nós”.

Un programa moi completo

A visita é unha oportunidade única para dar a coñecer a este grupo todo o valor paisaxístico e ecolóxico da provincia, así como os costumes e cultura propia da zona. Con esta intención, os organizadores teñen programadas para os 6 días da viaxe, excursións a distintos puntos da provincia. Tódolos anos, dende a asociación, escollen cuidadosamente os lugares a visitar. Na súa selección sempre hai unha zona de fora da provincia, un lugar de interese en Lugo e un concello da comarca de Sarria.

Os bretóns estarán no Incio o sábado, onde visitarán o Castro de Formigueiros e a igrexa de Hospital. Da man da doutora en historia da arte, investigadora e conservadora, Carolina Casal, tamén verán a Ferreiría e o Balneario. Cearán na aldea de Goo e degustarán porco celta.

O domingo coñécerán da man do programa Km0 da Deputación a Reserva da Biosfera dos Ancares. Ese mesmo día estarán en Navia de Suarna e visitarán o Museo de Piornedo. Os participantes non se marcharán sen visitar a capital, o luns serán recepcionados polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, farán un percorrido guiado pola muralla e coñecerán os restos romados da cidade.

Medio ambiente e cultura europea

A Deputación propón o medio ambiente e a cultura europea como eixo vertebrador das actividades preparadas para a visita. Deste xeito, inclúense charlas sobre as Reservas da Biosfera na provincia de Lugo, os dereitos dos cidadáns europeos e o papel do Camiño de Santiago na construcción de Europa. O encargado de falar sobre os dereitos dos cidadáns europeos será o eurodiputado galego do PsdG, Antolín Sánchez Presedo, na Casa da Cultura da Vila de Sarria, o venres 12 de xullo, ás 11 da mañá.

A música e a cultura máis popular tamén teñen cabida no programa de visita dos franceses. O mesmo día da recepción haberá unha actuación dun grupo de alumnos da Escola de Música de Sarria e para o sábado á noite está prevista a celebración do Festival de Música Celta con grupos galegos e bretóns. Os franceses tamén poderán coñecer a historia da montaña de Lugo no Museo de Piornedo e unha visita a Donís, o domingo 14 de xullo. Xa para o luns queda programada a conferencia sobre o Camiño de Santiago na construcción de Europa que será impartida polo técnico de xestión do Xacobeo, Manuel F. Rodríguez; o fundador da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, José Antonio de la Riera; e o eurodiputado e presidente do Intergrupo Camiños de Santiago do Parlamento Europeo Francisco Millán Mon.

Balance da relación

Tras quince anos de irmandade Sarria-Guerlédan toca facer balance da relación entre os dous pobos. No programa se inclue unha exposición que percorre a historia da irmandade e que se inaugurará coa chegada dos bretóns a Sarria e máis como remate se celebrará unha mesa redonda que pretende reflexionar sobre o pasado, presente e futuro da relación. Baixo o título “A irmandade Sarria-Guerledan. Pasado, presente e perspectivas de futuro” representantes das dúas comunidades e das asociacións Comité de Jumelage Guerlèdan-Sarria e Irmandade Sarria Guerledan analizarán as perspectivas de futuro da relación tralos cambios administrativos acometidos en Francia.

A historia da relación ven de lonxe e se debe a un xornalista de Láncara que residía na zona da Mur, na Bretaña francesa. Tras recoñecer as numerosas similitudes que unen os dous lugares pensou na posibilidade de establecer un intercambio cidadán. Dende entón, hai 15 anos, son os bretóns os que veñen a Sarria nos anos impares e os lucenses van aló con motivo dos pares.