Deputación de Lugo

A Deputación aproba o Plan de Comunidades Veciñais para 2013, con 2 millóns para melloras nas dotacións públicas do rural

Son subvencións de ata 12.000 euros para financiar 243 obras nos 67 Concellos, que poden estar iniciadas ou executadas, para as que os veciños pediron axudas no prazo legal establecidoO organismo provincial aboou o 97% das subvencións concedidas o ano pasado con esta programación, e espera a documentación xustificativa das derradeiras 12 obras para liquidala

A Xunta de Goberno aprobou este luns o Plan de Comunidades Veciñais para 2013, dotado de 2 millóns de euros financiados na súa totalidade pola Deputación, para case 250 obras nos 67 Concellos lugueses, “sen facer discriminacións por cor política”. Hoxe mesmo, a institución publicou na súa web www.deputacionlugo.org a listaxe de axudas que, nos vindeiros días, tamén a recollerá o Boletín Oficial da Provincia.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que son subvencións para traballos que xa poden están iniciados ou rematados, tal e como dictan as bases, para os que as asociacións veciñais solicitaron axudas no prazo legal establecido. Estas subvencións ascenden ata os 12.000 euros. O seu obxectivo é mellorar as dotacións públicas no rural, reivindicando a vida no campo e aforrando cartos ós Concellos, tendo en conta que a Deputación asume todos os custes destas actuacións de carácter municipal.

Este Plan financiará, concretamente, 243 obras, das que case o 40% consisten no acondicionamento de vías e accesos rurais; preto do 20%, en melloras de locais socias; un 15%, no arranxo de traídas e captacións de agua; mentres que un 10% son dotacións de espazos verdes.

Aboadas o 97%

A sesión aprobou a conta xustificativa dunha obra do Plan de Comunidades Veciñais para 2012, executada na parroquia de Villalpape, no Concello de Bóveda, consistente no arranxo dun camiño municipal, e dotada de 7.400 euros, financiados ó 100% pola Deputación. Martínez adiantou que “é unha das derradeiras obras da programación do 2012, xa que temos aboadas o 97% das 230 axudas concedidas o ano pasado, mentres estamos á espera da documentación xustificativa destes traballos por parte de 12 colectivos veciñais para poder liquidalo. A nosa xestión dista moita da do PP, que deixou sen pagar subvencións do 2004, que resolveu este Goberno Provincial”.